займ срочно

O Obradoiro loitou ata o final pero o Fuenlabrada marchou de Sar coa vitoria

0

Compostela, 6 de marzo do 2018 – Faltas, normas confusas e un final cun balón que saíuse da canastra permitiu que o Montakit Fuenlabrada marchara de Sar coa vitoria (78-81). Todo na crónica de Iñigo Cainzos

O Montakit Fuenlabrada sobreviviu en Sar ante o Monbus Obradoiro nun partido vibrante. Os de Néstor García adxudicáronse o triunfo nun final dramático, tamén desconcertante, cunha falta en ataque sobre Llorca e unha normativa confusa que impediu a Moncho Fernández facer os cambios que tiña previstos terminou por descentrar ao Monbus Obradoiro. A pesar de todo, a última xogada estivo a piques de saírlle ben aos de Moncho Fernández. O triplo á desesperada de Pozas, que caeu bombeado, saíuse de dentro. O Montakit Fuenlabrada segue forte e gañou por décimo terceira vez esta tempada. Foi un duelo moi disputado, sen grandes vantaxes para ningún dos dous equipos, disputado no lodo ante as sensibles baixas de Matt Thomas e Marko Popovic.

No lodo moveuse mellor a escuadra fuenlabreña, capaz de impoñer un punto máis de físico, sempre ao límite, escenificado polos 38 minutos en cancha de Vargas. O base venezolano foi unha lapa, apenas concedeu un milímetro en defensa aos bases galegos, e tamén foi decisivo en ataque, con 18 puntos e 17 de valoración. Vargas estivo ben secundado por Ou’ Leary e Paco Cruz, MVP da contenda, con 16 puntos e seis asistencias no seu expediente para acabar con 21 de valoración. Tamén foi destacado o debut de Przenek Karnowski, unha viga por dentro, acertado de fronte ao aro obradoirista. O Monbus Obradoiro levou a voz cantante durante gran parte do encontro, sostido por Pozas e Bendzius, tamén por Pustovyi por dentro. Resistiu como puido o conxunto galego, pero terminou cedendo, superado fisicamente polo Montakit Fuenlabrada.

Imaxe de J. Marqués

Xa desde o inicio o partido foi moi rifado. A batalla sobre o taboleiro de Sar de dous xadrecistas magníficos como O Alquimista e o Che non decepcionou a ninguén. Cada canastra foi moi traballada. O Monbus Obradoiro, acertado por dentro, decidiu cargar moito co lanzamento exterior, con acerto para Sàbat, Navarro, Corbacho e Bendzius. Replicaron os fuenlabreños con Olaseni, #incontido preto do aro, e tamén con Smits, que acertou desde preto e tamén desde o 6’75 (24-25). Os santiagueses seguiron probando de lonxe, con tiros liberados, pero coa fortuna dando as costas. Ata en dúas ocasións saíronselle de dentro os triplos a Corbacho e Bendzius, nun momento no que o Fuenlabrada estaba desconcertado, incapaz de conter ao Monbus Obradoiro. Eses dous fallos motivaron a reacción fuenlabreña, con xogadas de memoria, ben masticadas, con triangulacions excelentes que acababan en tiros liberados preto de canastra. Nun dicir amén os de García voltearon o electrónico. Paco Cruz descoseu o armazón defensivo local, e Vargas seguía elevando a temperatura desde unha defensa moi agresiva. Os contactos con Navarro, Pozas e Sàbat desquiciaron aos bases do conxunto santiagués.
Artem Pustovyi acudiu ao rescate galego, e Radovic deixou para a galería unha preciosa acción. Un baile de pés, unha finta coa dereita para rematar coa izquiera, e levantar á afección dos seus asentos. Cando parecía que o Monbus Obradoiro marchaba ao vestiario por diante un triplo imposible de Ou’ Leary sobre a bucina igualou o marcador (45-42).

O partido aínda foi máis físico na continuación, moitas faltas e moitos puntos desde a liña de persoal. Trabouse a contenda e a produción ofensiva resentiuse. En cada acción saltaron faíscas. Foi un cuarto espectacular de Eimantas Bendzius, autor de dez puntos, batallador na pintura, intelixente para xogar preto do aro. Tamén se luciu Paco Cruz, moi forte nas súas penetracións. O base mexicano atopou bandexas e forzou persoais, decorando o seu expediente e mantendo ao Montakit Fuenlabrada na órbita do Monbus Obradoiro. Tan pronto estaban o galegos catro arriba como os madrileños púñanse con tres de vantaxe. E final do último cuarto, calcado ao do segundo, pero con protagonistas investidos. Neste caso foi Corbacho quen se sacou da chistera un lanzamento complicado para anotar un triplo sobre a bucina (63-61). A tónica foi a mesma no tramo final do partido, coa irrupción de Ben Simons como mellor noticia para o Monbus Obradoiro. No asalto definitivo sumou sete puntos e #saír de dentro un triplo liberado cando os santiagueses podían poñer terra polo medio. Con Vargas e Karnowski reduciron distancias os de Néstor García e remontaron, afrontando os últimos minutos cunha exigua vantaxe. Xusto antes dos desconcertantes últimos vinte segundos, claves para que os locais terminasen por dobrar o xeonllo.

Atacaba o Monbus Obradoiro e defendían os fuenlabreños cun punto de vantaxe. Masticaron a xogada os locais, buscando a mellor situación, sabendo que tiñan bóla de partido. Outro final a cara ou cruz ata que soou o chifre. Os colexiados sinalaron unha falta en ataque de Bendzius sobre Llorca cando o escolta do Fuenlabrada visitou o chan nunha porfía por gañar a posición. A cara do lituano era un poema ante unha decisión moi protestada pola afección obradoirista. Despois dos obrigados tiros libres anotados por Vargas, as lousas de Moncho Fernández e Néstor García volveron botar faíscas. Primeiro pediu o tempo morto Fernández e preparou a súa xogada. Unha vez que os seus cinco xogadores estaban sobre o parquet, Nestor García pediu outro tempo para contrarrestar a xogada e responder ó quinteto obradoirista. Ao volver saltar á cancha, o Monbus Obradoiro propuxo cambios no seu quinteto, impedidos polos árbitros que aplicaron unha normativa confusa, desconcertante e descoñecida pola mesa, adestradores, xogadores e afeccionados. A pesar de todo, tentouno Pozas, liberado e desde máis de oito metros. A acción foi boa e a parábola prometedora, pero cando o balón estaba a entrar terminou de rebotar contra o aro, saíuse de dentro, e foi cuspido con violencia fóra da canastra. O Montakit Fuenlabrada levou a vitoria. Lamentouse o Monbus Obradoiro por caer nun final apertado, pero mirando con optimismo ao futuro, coas saídas a Gran Canaria e Badalona. Saben os de Moncho Fernández que hai cousas que mellorar, pero que se traballou ben contra o Montakit Fuenlabrada nun encontro que puido gañar calquera. Pero a ruleta rusa do final castigou aos obradoiristas e sorriu aos fuenlabreños. Íñigo Caínzos – Obradoiro CAB Fotografía: J. Marqués

Ficha técnica: Monbus Obradoiro 78: Pozas (12), Navarro (10), Bendzius (15), Simons (7), Pustovyi (9) – quinteto inicial – Sàbat (3), Llovet (4), Radovic (5), Spires (0), Thomas (-), Corbacho (11) e Laksa (2).
Montakit Fuenlabrada 81: Vargas (18), Cruz (6), Eyenga (7), Smits (7), Olaseni (12) – quinteto inicial – Ou’ Leary (10), Rupnik (0), Llorca (4), Llorente (0) e Karnowski (7).

Árbitros: Emilio Pérez Pizarro, Sergio Manuel e Alfonso Oliveirais. Eliminaron por faltas a Gabriel Olaseni e Rolands Smits, do Montakit Fuenlabrada.

Parciais: 24-25, 21-17, 18-19, 15-20.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 21 da liga Endesa, disputado no Multiusos Fontes do Sar ante 4.719 espectadores.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies