A piques de comezar as obras da estrada de Ordes a Portomouro

0

Ordes, 25 de outubro do 2017 –  As obras na estrada provincial DP5903 de Ordes a Portomouro comezarán nas vindeiras semanas, tras asinarse onte o contrato coa empresa adxudicataria.

A Deputación da Coruña destina un total de 147.006,88 euros a este proxecto, co obxectivo de mellorar a capa de rodaxe do vial entre os puntos quilométricos 11+700 e 15+000, ao seu paso polo termo municipal de Trazo.

Os traballos consistirán no fresado e reparación das zonas danadas do firme actual, para posteriormente dotar ao vial dunha nova pavimentación de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor que mellore a adherencia e a seguridade da circulación de vehículos no tramo indicado, de 3,2 quilómetros de lonxitude.

O tramo da estrada, unha das principais arterias de comunicación do municipio de Trazo con Ordes, Portomouro e Compostela, conta cun elevado volume de tráfico xa que discorre polo centro da localidade, dende a Casa do Concello, pasando por Viaño pequeno ata chegar a Agrodomestre. A actuación de mellora programada polo departamento de Vías e Obras do goberno provincial contribuirá a mellorar o estado do vial e a seguridade do tráfico.

Medio millón na mellora de estradas en Trazo

Precisamente, este foi un dos enclaves visitados polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante o encontro que mantivo o pasado mes de agosto co alcalde da localidade, José Dafonte, e os membros da corporación local, cos que supervisou tamén diversas obras de mellora da rede viaria provincial no municipio, como a travesía de Agrodomestre, na que se ampliou a plataforma e se construíu unha senda peonil por ambas marxes, nun punto onde se ubica o centro de saúde e diversos negocios e vivendas.

Nos últimos anos, a Deputación leva investido máis de medio millón de euros para conservar e mellorar a seguridade das estradas provinciais do concello de Trazo, aos que agora se suma este novo investimento.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies