займ срочно

Ordes aproba 9 millóns de euros de orzamento para o 2019

0

Ordes, 3 de decembro do 2018 –  O Concello de Ordes xa ten aprobados inicialmente os seus orzamento para 2019, os cales ascenden a un total de 9.364.888,51 €.

Aínda que o orzamento aprobado inicialmente é un sete por cento inferior en el non se inclúen as achegas doutras administracións polo que o goberno municipal espera que se vexa incrementado ao longo do ano. En palabras da alcaldesa en funcións, Ana Soneira, “Presentamos uns orzamentos nivelados nos seus estados de ingresos e gastos, dando cumprimento ao establecido na Lei Reguladora de Facendas Locais, á regra de gasto, os límites de débeda e asegurando a estabilidade orzamentaria. O cumprimento da Lei de Estabilidade Financeira ao presentarse unha capacidade de financiamento de máis de 806.000 € e sen exceder o límite de débeda”.

Uxo e PSOE criticaron das contas “os poucos recursos dedicados á promoción e creación de emprego”, e a non adscrita Beatriz Martínez postulou que “non son uns orzamentos participativos” e defendeu a fórmula empregada noutros municipios nos que a cidadanía fai propostas de forma directa. Pola súa banda o BNG mostrou o seu descontento co investimento de máis de 700.000 € no centro sociocomunitario Isabel Zendal e cos recursos destinados a desenvolvemento empresarial.  Falou dunha baixada do 17% nas axudas a material escolar e asegurou que o descenso da débeda terá un ritmo máis lento có indicado polo Concello.

Saneamento das contas

Ana Soneira respondeu a estas críticas dicindo que “estes orzamentos caracterízanse polo mantemento de servizos esenciais, con especial dedicación aos colectivos máis desfavorecidos e sendo as liñas fundamentais destes o marcado carácter inversor e o saneamento das contas municipais”.

Igual que se fixera xa no mes de outubro por parte do alcalde, en esta ocasión foi a alcaldesa en funcións a que abriu a sesión plenaria facendo un exhaustivo informe do estado da débeda bancaria do Concello logo da amortización de 200.000 euros realizados na mañá do día de celebración do pleno (29/11/2018). Dita amortización conleva que a previsión real da débeda ante entidades financeiras vaise situar a 31 de decembro deste ano en 1.787.264,61 euros (5,3 millóns en 2015). Máis a longo prazo, a finais de 2019, estará por debaixo do millón de euros e os xuros anuais inferiores aos 18.000 € (eran mais de 200.000 € ao remate de 2014). Unha situación conseguida “mediante a contención de gasto público, a eficiencia na asignación dos recursos municipais e a sustentabilidade dos servizos fundamentais. Sempre co mantemento de crédito ás políticas sociais (incrementadas en case un 95% en apenas 3 anos de goberno do partido popular en Ordes), de emprego e fomento económico, así como aos investimentos produtivos”.

A alcaldesa en funcións fixo fincapé na súa quenda de peche do debate nos incrementos orzamentarios. Destacou novamente o aumento das partidas destinadas a políticas sociais (gastos sociais, educativos, culturais e deportivos). Un plantexamento reforzado pola voceira e concelleira de Educación, Susana García “No ano 2019 prevese o incremento das becas de material escolar ata acadar os 25.000 euros e resolverase definitivamente a situación anormal do ano 2016, 2017 e 2018 onde houbo que incrementar crédito para poder atender demandas pendentes de exercicios anteriores” indicou. Cómpre recordar que este goberno foi capaz de regularizar a situación, e con esta medida agardamos que de xeito definitivo se logre sacar as becas e pagalas antes do 31 de decembro de cada ano de inicio de un novo curso escolar”. 

 “Nos últimos catro exercicios incrementamos nun 94,50% o crédito destinado a estas cuestións” contestou García, “incluíndo aquí tamén as becas a deportistas do municipio”. Unha partida na que tamén se inclúe o cheque-bebé que se instaurará, cunha cuantía máxima de gasto de 24.000 euros. Con esta medida se pretende fomentar a natalidade e fixar poboación. Benificiaranse dela os nenos e nenas nados a partir do 1 de xaneiro.

Para as actuacións de protección e promoción social (servizos sociais, achega á Mancomunidade de Ordes e para o fomento do emprego) estas sitúanse no 15,25%, mentres que a produción de bens públicos de carácter preferente (educación, cultura e deporte) aumenta un 12,77%.

Á hora da votación prevaleceu o criterio do Goberno local (5 membros), apoiado polos concelleiros non adscritos Roberto González, Luís Gómez e Ramón Vázquez. Tanto UxO (2 membros) como o BNG (3 membros) e a non adscrita Beatriz Martínez votaron en contra, mentres que o PSOE optou pola abstención.  A aprobación definitiva prevese acadar antes do 31 de decembro tras o período de exposición pública para presentar alegacións.

POS 2019

Tamén se aprobaron no pleno as obras englobadas no POS+ 2019, sen dúbida outro punto esencial para as inversións que pretende levar a cabo o goberno local no ano 2019. A achega total da Deputación da Coruña para este plan ascende a 978.513,29 €. Os proxectos que se levarán a cabo corresponden, entre outros, aos camiños no Canedo (Ardemil), Vilasuso (Beán), O Castro co cruzamento de Meitufe (Leira) e completar o acceso a Faramilláns (Buscás). Tamén se pavimentará en Barbeiros o acceso a Os Lagos, Fondo da Aldea, Ramil, O Cruceiro, A Aldeíña etc. Levaranse a cabo melloras nas vías interiores de Vilariño (Buscás), incluida a creación de unha senda peonil no Camiño Inglés(dende A Rúa a Vilariño), ampliación senda na Estación de Parada, así como continuar a obra prevista en 2018 dende Tras do Río cara ao Seixo (Mercurín). Realizaranse asimesmo labores de aglomerado na vía principal dende A Rúa cara a Trabes. Tamén se obrará no camiño que vai de Pedreira a Castrelos pola escola (Leira) e na pista de concentración que vai de Castrelos a Brumeiral e N-550 (Leira). Outra vía a arranxar será a que une O Bidueiro co Sangriño, e un proxecto complementario o arranxo con asfalton no vial do Fondo da Aldea cara A Armada (Vilamaior). Tamén se mellorará con formigón un acceso na Bailía (Leira).

Por unanimidade aprobouse tamén a planificación do plan normativo municipal de cara a 2019. Este inclúe a aprobación de diversos regulamentos relacionados coa biblioteca, coa escola de música e coa piscina descuberta do Muíño. Tamén se contemplan varias ordenanzas reguladoras en relación coas urbanizacións nas vías municipais, a publicidade en espazos municipais, así como a extracción de madeira nos montes e espazos forestais e mantemento de vías púbicas. Outras ordenanzas relacionadas atinxen á dirección de obras, coordinación de seguridade, saúde, inspección, control de calidade e liquidación das obras municipais, así como das taxas ás empresas eléctricas e de gas polas instalacións que atravesan o dominio público local.

En base a este punto tamén se plantexaron as modificación da ordenanza da ORA; posesión de animais domésticos; canceira municipal; piscina Iván Raña; tributos municipais, terrazas e outras ocupacións de dominio público e escola infantil municipal.

Outro punto no que toda a corporación estivo de acordo foi na retribución en réximen de dedicación exclusiva da primeira tenente de alcalde e, actualmente alcaldesa en funcións, Ana Soneira, debido á baixa médica do rexedor José Luis Martínez Sanjurjo. Cabe concretar a abstención de Ana Soneira a votación desta moción.

Declaracións institucionais

No pleno ratificáronse tres declaracións institucionais. A primeira delas estivo centrada na eliminación da violencia de xénero, en relación coa celebración o pasado domingo do Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. A segunda responde á disconformidade do Concello sobre a inclusión no rexistro da Xunta dos parques de Meirama, Solpor e Legres, situación que contraria o pronunciamento de municipio libre de eólicos asinado polo Concello de Ordes en 2018 xunto con outros municipios da comarca. Por último tamén se apoiou o texto para garantir a continuación da actividade da central térmica de Meirama.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies