Ordes aproba os orzamentos  2018

0

Ordes, 3 de xuño do 2018 –  O Concello de Ordes vén de aprobar os orzamentos correspondentes ao ano 2018, cun importe que ascende a 10.100.000 €, o que supón un 11,02% máis en comparación co pasado exercicio.

Os orzamentos recollen uns ingresos de 3.191.000 € de impostos directos, 3.133.750 € de transferencias correntes, 1.802.000 € de transferencias de capital, 1.438.637 € de taxas e prezos públicos, 389.046 € de pasivos financieiros, 73.500 € de impostos indirectos e 74.069 € de ingresos patrimoniais.

En canto os gastos o groso máis notable é o de gastos correntes en bens e servizos con 3.851.951 €, seguido do gasto de persoal con 2.112.563 €. A partida destinada a investimentos reais contempla un total de 2.704.697 €, o que supón case o 27% do total dos orzamentos. A previsión do equipo de goberno complétase con 532.729 € destinados a transferencias correntes, 883.741 € de pasivo financeiro e 15.505 € de gastos financeiros.

O informe de Intervención cualifica os orzamento de “real e equilibrado” e cumpre co disposto na Lei orgánica de estabilidade financeira. Caracterízanse polo mantemento dos servizos esenciais, con especial dedicación aos colectivos máis desfavorecidos, sendo as liñas fundamentais dos mesmos “o saneamento das contas municipais mediante a contención de gasto público; a eficiencia na asignación dos recursos; a sustentabilidade dos servizos fundamentais; o mantemento dos créditos destinados a política social, de emprego e fomento económico e investimentos produtivos”. Increméntanse as partidas destinadas a políticas sociais entendidas como a suma das destinadas a gasto social, educativo, cultural e deportivo. No caso da protección e promoción social sube nun 6,58%. Ademais tamén cabe sinalar a achega de 680.000 € de fondos propios do Concello para o financiamento de investimentos (a maior dende 2010). A produción de bens públicos de carácter preferente (educación, cultura e deporte) engrosan os seus créditos nun 15,81%, máis dun 28% máis dende 2015, mentres que no que se refire ás actuacións de carácter económico medran case o 11%.

Amortización de débeda

No que atinxe á amortización de débeda destinaranse 165.000 € procedentes do POS + 2018. Unha cifra que se espera incrementar segundo manifestou o alcalde, “tal e como ven acontecendo nos últimos anos dada a boa xestión que se leva a cabo”.

Rexeitamento da oposición

A non adscrita Beatriz Martínez Candal rexeitou os orzamentos e manifestou o seu descontento “porque chegan tarde”. Sinalou como un dos puntos máis notables a ausencia de cartos destinados a arranxar o sistema de iluminación público.

Os concelleiros de UxO, que votaron tamén en contra, criticaron a falta de investimento para a substitución de tubaxes de fibrocemento na rede de abastecemento, para emprego, de cara á mellora de instalacións educativas ou tamén en servizos sociais e reclamaron unha baixada de impostos.

O BNG pola súa banda botou de menos un plan para evitar a perda de poboación no municipio. Consideraron “partida inflada” a que corresponde a outras administracións, poñendo como exemplo os 600.000 € destinados á construción do novo centro sociocomunitario Isabel Zendal.

O Partido Socialista optou pola abstención. Calificou de “escasas” as cantidades destinadas á mellora da rede de abastecemento, ás axudas a deportistas, ao arranxo dos sumidoiros e do pavillón do Mesón do Vento etc. Onde si se mostrou satisfeito foi no incremento para axudas de material escolar e servizos sociais.

Votos a favor

Ademais dos membros do Goberno local, os non adscritos Roberto González, Luis Gómez Candal e Ramón Vázquez tamén votaron a favor.

Modificación de crédito

Outro dos debates principais tivo que ver coa modificación de crédito por un importe total de 655.500 € para os seguintes proxectos: abastecemento na rúa Galicia e arranxo de beirarrúas e pavimentación na rúa Lagartos, obras de humanización no cemiterio do Piñeiro, construción da senda peonil es As Casillas (marxe dereita da N-550), instalación dun parque infantil cuberto no Campo da Feira e o acondicionamento do local social na parroquia de Buscás (A Rúa). Unha modificación amparada no superávit rexistrado no 2017 que ascende a 1.039.000 €, así como no informe favorable emitido polos técnicos. Finalmente a prposta saíu aprobada con voto a favor de todas as forzas, agás a abstención dos nacionalistas. Esta postura argumentouse en aspectos como a súa desconformidade coa estética escollida para a cuberta do parque, ou o trazado plantexado na senda peonil.

Tamén se acordou a cesión a Unión Fenosa Distribución S.A. dun tramo de 51 metros lineais na marxe esquerda da Rúa Reverencia, co fin de poder proceder coas canalizacións subterráneas para a instalación de condutores eléctricos de media e baixa tensión. Neste punto abstivéronse BNG, a non adscrita Beatriz Martínez Candal e o voceiro socialista Alejandro Manteiga, este último por tratarse dunha moción estreitamente relacionada coa súa actividade profesional.

Non eólicos

A última moción que se atendeu nesta sesión correspondente ao mes de maio foi a presentada polos nacionalistas, na cal se solicita á Consellería de Economía, Emprego e Industria a reforma do Plan Eólico de Galicia nos termos reflectidos na declaración institucional realizada polos concellos de Ordes, Frades, Oroso e Mesía. Tamén se reclama un aumento das distancias dos aeroxeneradores ás delimitacións de chan de núcleos rurais, urbanos ou urbanizables. Na votación o PSOE abstívose, e os non adscritos Roberto González, Luis Gómez Candal e Ramón Vázquez votaron en contra. As demais forzas optaron polo si.

Aínda que na orde do día figuraba a ratificación da anteriormente citada declaración institucional, o alcalde de Ordes decidiu retirala da votación da orde do día ao non acadarse un acordo unánime por parte de todos os grupos representados no Pleno. Aínda así, e ante a presenza de moitos e moitas dos integrantes da plataforma Non eólicos na comarca de Ordes, fíxose unha votación simbólica na que o Goberno local evidenciou o seu rexeitamento á instalación de aeroxeneradores na zona.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial