Ordes aproba en pleno o POS 2018 e normativas de accesibilidade e aparcamento

0

Ordes, 7 de decembro do 2017 – O Concello de Ordes acordou esta mañá en sesión extraordinaria as obras do plan POS 2018, para as que a Deputación da Coruña ten previsto un investimento de algo máis de 1.258.190,99 €.

Ao POS 2018 hai que engadir o importe das obras adicionais de previsión do plan complementario que supoñen proxectos por importe de 1,7 millóns de euros.

En Santa Cruz de Montaos, por un importe que supera os 230.900 €, realizaranse melloras nos camiños que van de Vixide a Chan, dos que van de Piñeiro e Carrás a Oroso, da vía que parte da N-550 con dirección a Queis, do camiño de Queis ao Piñeiro, o que se dirixie á capela de Santo Antón(Guindibó), así como o acceso ao campo de fútbol.

Por arredor de 135.800 € tamén se levarán a cabo melloras nas parroquias de Leira, Ardemil, Parada, Lesta e Poulo. Neste apartado figuran as obras do camiño que vai dende a N-550 á Folgueira, a pavimentación interior de Adina, a senda peonil na N-550 que vai dende o pq 31.750 ao 31.870, os accesos ao Menllo e a Xermiñas, a vía que comunica Cestaños co límite de Tordoia, así como interiores na Calle de Poulo e o acceso no Cruceiro.

Tamén se fixo dentro do POS 2018 alusión ás achegas provinciais do remanente do 2017 cuxa cuantía ascende a 430.433 €. Aquí cabe resaltar a obra do abastecemento que dinamiza o servizo dende O Mesón do Vento ata a zona de Castrelos e arredores (Moscoso, Axás, A Reboira, Castiñeira, Codeseda, A Pedreira e Menlle). Un proxecto que en conxunto se achega aos 340.000 €. Na parroquia de Vilamaior hai que falar de obras e melloras no interior e no ramal de Adrán, nas pista que van do Casal á Igrexa parroquial e da pista que comunica dende o Coto á capela do Socorro, así como do acceso á Ameixeira partindo da pista principal (lugar da Armada)

José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, tamén informou da aportación municipal que complementa o PAI 2018, que ascende ao importe do IVE ata acadar os 271.000 €. Unha decisión que permitirá a execución de proxectos para as parroquias de Pereira, Buscás, Ordes e Barbeiros, como é o arranxo da pista que vai da igrexa de Pereira á estrada de Pontecarreira (DP-3802).

Proxectos complementarios

Con cargo aos proxectos complementarios inclúense os camiños que enlazan Reboredo coa N-550 e O Casal co Bidueiro e a AC413, incluíndo o abastecemento de auga para este núcleo. Nas parroquias de Mercurín e Poulo a pista de acceso dende o Cruceiro á Igrexa, a do Vilar, a que vai do Souto a Pedre e a estrada de Cerceda. Hai que engadir ademais o acceso ao Seixo e o camiño de Pardiñas. Nos límites de Beán actuarase na pista de Nouche ata o límite con Recouso (Oroso) e os accesos á Ermida. En Barbeiros traballarase no acceso que falta sin aglomerar aos Baltares e na pista principal que comunica a Aldeíña co límite con Oroso, mentres que en Vilamaior e Buscás destaca a obra prevista para a pista que vai da Ameixeira a Carballedo. O conxunto está orzamentado en 1.700.000 €, dos cales 165.000 € van destinados a amortización de débeda e outros 75.000 € para o gasto corrente.

No debate a concelleira non adscrita Beatriz Martínez advertiu da necesidade de asfaltar tres accesos a vivendas nas zonas de Lesta, Ardemil e Reboredo. O BNG supeditou o seu apoio a dito plan ao compromiso firme do alcalde para substituír as tubaxes de fibrocemento da rúa Galicia por outras de polietileno, ademais de instalar un grupo de presión para o sistema de abastecemento de Queis. Unha solicitude que contou co beneplácito do rexedor pero sen concreción de data. No caso da primeira demanda executarase con cargo ao remanente de 2017, mentres que a segunda farase dentro do Plan de Medio Ambiente Complementario 2016. Finalmente a votación reflectiu a aprobación de todos os grupos agás os nacionalistas que optaron pola abstención.

Maior accesibilidade

O que si se aprobou de xeito unánime foi a adaptación da ordenanza municipal sobre tráfico á Lei do 3 de decembro de 2014 sobre accesibilidade. Deste xeito, tal como demandara meses atrás o partido socialista, corríxense varios artigos que veñen a redefinir centros de actividade no casco urbano de Ordes e do Mesón do Vento. De cada 40 prazas de estacionamento 1 destinarase a persoas con diversidade funcional en zonas como o Campo da Feira, o centro de saúde, o tanatorio e cemiterio do Balado, a alameda e os parques municipais, a Casa da Cultura ou os centros de ensino. Unha medida que tamén se aplicará na nave de gando, campo da feira e colexio do Mesón do Vento.

Outra das modificacións deste pleno foi o cambio no mapa da zona ORA de pago. A rúa dos Lagartos deixará de ser de pago obrigatorio a cambio de incluír a rúa Mercado (tramo Parques Municipais – rúa Compostela) e a República Arxentina (tramo Alfonso Senra – rúa Nova). Neste punto os votos a favor viñeron do grupo de goberno, do PSOE, e dos non adscritos Roberto González, Ramón Vázquez e Luis Caamaño. Os votos en contra viñeron da man de UxO, mentres que Beatriz Martínez e o BNG se abstiveron.

Mobilidade

Pero o debate en base á ordenanza municipal de ordenación e regulación de aparcamento non finalizou aquí. Tal e como se viña solicitando por parte do sector comercial da zona aprobouse a instauración dunha zona azul gratuíta, cun prazo máximo de estacionamento de 90 minutos. Esta afectará ás seguintes rúas: Rúa Nova, tramo superior que vai dende a República Arxentina ata Rosalía de Castro, Rosalía de Castro (tramo Alfonso Senra – Rúa Nova), Rúa Canteira (Alfonso Senra – intersección rúa Mercado con Ramón Ferreiro), zona Praza de Abastos, Rúa Mercado (tramo rúa Compostela – rúa Canteira), rúa Reconciliación, rúa Compostela (Alfonso Senra – Muíños), rúa O Recreo (parque municipal – rúa Mediodía). Unha medida que responde ás demandas dos comerciantes para facilitar a mobilidade no casco urbano.  maiores críticas a esta medida responderon á demanda de eliminar o pago por estacionamento, tanto por parte de UxO, como do BNG ou de Beatriz Martínez. Tamén suscitou certa polémica o xeito de sinalizar na mesma cor tanto a zona gratuíta como a de pago.

O último punto da orde do día centrouse na modificación dos acordos plenarios votados o pasado mes de marzo, volvendo así a restablecerse os que xa foran aprobados en xullo de 2015. Deste xeito o número de comisións informativas volve a situarse en 3 e non en 10 (comisións informativas permanentes en Contas, Facenda e Persoal; Obras e Urbanismo; Axuntos Xerais do Pleno). En ditas comisións cada partido contará cun representante ademais dos concelleiros non adscritos, optándose polo voto ponderado (votos a favor de todos agás as abstencións de UxO, Roberto González e Beatriz Martínez).Tamén prosperou o restablecemento da determinación dos cargos que levan aparellados o seu desempeño con dedicación exclusiva e parcial, así como as retribucións dos mesmos (abstención de todos os grupos agás o do goberno e Luis Caamaño que votaron a favor). Por último tamén se fixou, tal e como se acordara orixinariamente, o importe pola asistencia aos órganos colexiados municipais (plenos, comisións, consellos, etc). Votos a favor do goberno, BNG e Luis Caamaño. Abstencións de Roberto González, Ramón Vázquez, Beatriz Martínez, UxO e PSOE.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies