Ordes comezará febreiro con nova regulación da ORA

0

Ordes, 22 de xaneiro do 2019 – O Concello de Ordes vén de publicar un bando no que anuncia a modificación da súa ordenanza de regulación do aparcamento (ORA), aprobada no pleno do pasado mes de decembro.

A nova modificación entrará en vigor a partir do 4 de febreiro, tendo como principal novidade a aplicación do réxime de estacionamento por tempo  limitado en todos os casos. A ORA terá dous tipos de estacionamentos: 90 minutos de forma gratuíta e 210 minutos con pago previo segundo a situación das prazas en zona gratuíta ou de pagamento respectivamente. O servizo estará vixente os días laborables (de luns a venres) de 10 a 14 e de 16 a 20 horas.

En función da súa categoría indicarase con tintura azul e coas letras T (Tícket) e D (Disco). Os tíckets para a zona de aparcamento obteranse nas máquinas expendedoras situadas a pé de rúa, mentres que os discos poderán conseguilos nos distintos establecementos comerciais da Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES), aínda que tamén se poderán empregar outros medios, como un papel escrito a man que indique a hora de chegada. En ambos os casos os ditos indicadores deberán colocarse sobre o parabrisas, de forma que quede perfectamente visible para o persoal controlador ORA.

As rúas englobadas no réxime de tíckets de estacionamento (T) son: Alfonso Senra (intersección Rosalía de Castro con rúa Carnota), rúa Parque Municipal, Recreo (intersección Parque Municipal con Alfonso Senra), República Arxentina (intersección Alfonso Senra con rúa Nova) e Mercado (intersección Parque Municipal con Compostela).

No caso das rúas reguladas mediante disco hai que citar: Lagartos, Rúa Nova, República Arxentina (intersección Rúa Nova con Rosalía de Castro), Rosalía de Castro (intersección Rúa Nova con Alfonso Senra), Reconciliación, Mercado (intersección rúa Compostela con Canteira), Praza de Abastos, Canteira (intersección Alfonso Senra con Mercado), Compostela e Recreo (intersección Parque Municipal  con Mediodía).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial