Ordes abre o prazo de inscrición para as actividades culturais e deportivas

0

Ordes, 12 de setembro do 2019 – Ata o vindeiro 25 de setembro o Concello de Ordes manterá aberto o prazo de inscrición para as actividades culturais e deportivas, tanto as que se levan a cabo trimestral como anualmente.

Nesta nova convocatoria Os sendeiros da cultura e do deporte, nome que recibe o programa municipal, inclúese: Pilates, zumba (adultos/as), ximnasia con materiais (fitball, picas, pesas de man etc), hipopresivos, ballet (de 4 a 12 anos), ioga, ioga terapéutico, iniciación ao alemán (nenos e nenas) e tamén niveis I e II (ambos válidos para as probas da Escola Oficial de Idiomas e Instituto Goethe), costura (niveis I e II), teatro (a partir dos 12 anos) e debuxo e pintura (adultos/as e menores).

Tamén está prevista a posta en marcha do curso A ecoloxía na vida diaria, no que se aprenderá a elaborar alimentos ecolóxicos, xabóns, cosméticos, produtos de limpeza etc.

Novidades

Como novidade este ano inclúese na oferta teatro en familia para bebés (de 1 a 3 anos), actividade na que se traballará a expresión corporal, motricidade, movemento, reforzo, confianza etc. Será imprescindible que o bebé vaia acompañado dunha persoa adulta. Tamén se ofrecen clases de linguaxe de signos, impartidas pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. Engádense este ano clases de arranxos e arte floral e obradoiros de tapicería e malabares, cestería tradicional (material non incluído), curso de escaparatismo e colocación de produto (especialmente pensado para comerciantes) e obradoiros de poda e enxertos en froiteiras e hortas.

Outras das actividades previstas son os cursos de informática. Neste caso os niveis ofertados inicialmente serán os de iniciación, nivel II (usuario) e informática para nenos e nenas nivel I (usuario). A maiores tamén se convoca un novo curso para aprender o manexo de smartphones e tabletas.

Os cursos de cociña para nenos e nenas inclúen varios grupos con idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos, ademais doutros dous para persoas adultas ata 65 anos ou ben a partir desta idade. As clases de baile moderno dividiranse en dous grupos, un ata os 9 anos e outro de 10 a 16 anos. Continuarase tamén coas clases de costura (niveis I e II).

Ademais de na vila de Ordes, a actividade de ximnasia de mantemento para persoas maiores desenvolverase nos distintos locais sociais e espazos habilitados para tal fin nas seguintes parroquias: Ordes, O Mesón do Vento, Santa Cruz de Montaos, Poulo, Vilamaior, Guindibó, Buscás, Merelle, Beán e Pereira.

Os prezos das actividades oscilan entre os 72 € e os 9 € en total, habendo descontos por discapacidade, familia numerosa ou por ser maior de 65 anos.

Cómpre lembrar ás persoas que se inscriban que para darse de baixa terán que facelo por escrito e con rexistro de entrada. 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial