Ordes está de festa

0

Ordes, 13 de agosto do 2017 – Desde hoxe, 13 de agosto, a diversión e festa apoderaranse da vila de Ordes, na que un ano máis se agarda a visita de milleiros de persoas.

O pregón correrá a cargo do televisivo veciño Pablo Meixe, actor, humorista e monologuista, tras o cal arrancará unha sesión vermú cos ritmos da orquestra Principal, que volverá repetir pase pola noite, esta vez acompañada por Los Satélites.

O luns día 14 a partir das 12.20 horas dende a alameda emitirase en directo un programa especial por parte da Cadena SER, por cuxos micrófonos pasarán moitos dos protagonistas da xornada. Un día no que tamén terá lugar O I Festival Sons de Ordes. Os ritmos máis populares dos anos 80 invadirán o centro do pobo, onde ás 22.40 horas dará comezo a actuación da Versions Band, seguidos de Seguridad Social e Los Limones. 

A festa en Ordes renderalle tributo á súa patroa, Santa María, o día grande de celebración, o martes 15. Como cada ano ás 12 horas dará comezo a misa solemne seguida da procesión, na que a imaxe da Santa percorrerá as principais rúas. Os gaiteiros e  cabezudos de Asociación Cultural Espadana, a charanga O Recobio e a Banda de Música Municipal de Padrón animarán este día. A sesión vermú correrá a cargo de Galilea, que volverá animar a noite a carón de Armonía Show, que este ano celebra o seu 20 aniversario por terras galegas.

Homenaxe aos emigrantes

Como cada ano o 16 de agosto a festa en Ordes homenaxeará aos emigrantes. Tras a misa oficial das 13 horas levarase a cabo unha ofrenda floral  no monumento erixido a carón do Concello. Nesta ocasión os nomes propios destacados, e que representarán á diáspora ordense, son os do matrimonio composto por Benigno Rey e Lourdes Portos. Naturais de Beán e Frades, respectivamente, ata o seu regreso a finais de 2003, a súa foi unha vida de esforzo en Suíza, onde traballaron nos sectores da construción, hostalería e limpeza.  Neste día será a orquestra Alaska a que faga bailar a festeiros e festeiras tanto na sesión vermú como na verbena nocturna. Precisamente esa mesma noite, a iso das 23 horas, como broche final das festas, terá lugar unha actuación coa que Luar na Lubre conmemorará o seu XXX aniversario.  

Ademais de todo isto a partir de mañá e ata o remate das festas instalarase unha feira de artesanía na rúa Parques Municipais. Nela poderase mercar  produtos do máis variado, alimentación, tallas de madeira, prendas de vestir confecionadas con diversos tecidos, bixutería, bolsos, elementos de escritorio, cosmética etc 

A festa de Ordes en este 2017 é resultado do labor efectuado polos membros e colaboradores da  Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes, a cal contou co apoio tanto da Deputación da Coruña como do Concello de Ordes. Así son quen de presentar unhas festas completamente renovadas, cheas de sorpresas, novidades e con cabida para todo tipo de públicos. Unha celebración na que se conxugan os actos e os sons máis tradicionais con actuacións de grupos de sonada fama a nivel nacional e con estilos do máis diversos. Todo isto aderezado con multitude de atraccións para nenos, nenas, adultos e adultas que quedarán instaladas no Campo da Feira.

Cortes de tráfico

O centro da vila, especialmente a alameda do Soldado Lois e as zonas lindeiras, serán durante estes días o epicentro das festas. Un espazo onde se dará cabida a milleiros de persoas e onde quedarán instalados grande escenarios e equipos de iluminación e electróxenos. Por este motivo o tráfico da N-550 neste punto quedará desviado dende as 9 horas do domingo ata as 8 horas do xoves.

Os vehículos con dirección a Santiago de Compostela deberán transitar pola rúa Rosalía de Castro, a rúa Paraíso e a rolda leste para volver a enlazar coa estrada nacional. Os que vaian cara A Coruña deberán facelo pola rúa Lagartos para acceder á rolda leste e volver a incorporarse á N 550.

Dende a Policía Local recomendan estacionar na explanada habilitada a tal efecto nas proximidades do Centro Médico e da avenida Alfonso Senra. Tamén lembran a importancia dun consumo moderado de bebidas alcohólicas.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies