Ordes, Frades e Mesía pedirán un obradoiro de emprego conxunto

0

Ordes, 22 de xuño de 2018.  Os concellos de Ordes, Frades e Mesía ratificaron o acordo da xestión compartida de cara á solicitude á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a posta en marcha do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo.

O obradoiro de emprego terá un prazo de duración de 9 meses, que se desenvolverá no ámbito territorial dos tres municipios. O acordo foi asinado polos alcaldes dos tres municipios,  José Luis Martínez Sanjurjo (Ordes), Roberto Rey (Frades) e Mariano Iglesias (Mesía), no salón de plenos do Concello de Ordes. Un compromiso baseado na colaboración interadministrativa, o que minora considerablemente os custos da prestación do servizo.

O obradoiro centrarase en dúas especialidades do eido forestal: repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Na zona de Ordes están previstas actuacións en: parcela municipal do parque empresarial de Merelle (Nº 85), parque Félix Rodríguez de la Fuente, rúa Nova, Campo da Feira, CEIP Castelao, CEIP Campomaior, área Adina-O Mesón do Vento, campo da festa de Parada, contorno capela de San Pedro-Adrán, entorno dos Marchás-Vilamaior e  campo de Fútbol de Barbeiros. En Frades traballarase en: leira do Carballal, campo de fútbol de Vitre, punto limpo, leiras Gasalla, Campoduro e Sanamil, praza de Ponte Carreira, área O Muíño de Céltigos e piscina de Papucín,. Por último en Mesía: Prazas Albixoi, Cumbraos, Rivas, Braña do Vilar, Visantoña, Boado, Mesía e Bascoi, área recreativa de Olas, zona polideportivo Xanceda, viveiro municipal e nas brañas de Valga.

Ao tratarse dun obradoiro dual a dita consellería ten prevista outra partida orzamentaria de cara á contratación de alumnos e alumnas por parte de empresas privadas.

Orzamento de 339.200 €

O Concello de Ordes será a entidade promotora do proxecto, o que  inclúe todo o relacionado coa xestión, así como os aspectos materiais, técnicos ou de servizo necesarios. O seu importe total ascende a preto de 339.200 €, dos cales case 262.000 irán destinados á contratación do persoal, 27.000 € para gastos correntes e de material e outros 12.000 € para sufragar os traslados e desprazamentos para a formación práctica dos 20 alumnos-traballadores que conformarán o grupo (10 Ordes, 5 Frades e 5 Mesía). Está previsto que a meirande parte destes custos  se sufraguen coa subvención de 288.800 € solicitada á Consellería de Economía, Emprego e Industria. O importe non subvencionado que será asumido polos concellos será de 22.600 € no caso de Ordes, 7.548 € no de Frades e 5.787 € no de Mesía (máis os gastos de indemnización de persoal e traslado a partes iguais).

O obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo recibe este nome ao ser este o punto exacto de confluencia das lindes territoriais dos tres municipios englobados nesta iniciativa.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies