Ordes inaugura o novo albergue de Poulo

0

Ordes, 19 de xuño do 2019 – O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e o alcalde de Ordes, José Luís Martínez, inauguraron a reforma da antiga casa reitoral de Poulo como albergue de peregrinos.

En pleno Camiño Inglés a reforma do albergue de Poulo supuxo un investimento de 537.000 euros. Ten capacidade para algo máis de 40 persoas, e e está adaptado para usuarios e usuarias con mobilidade reducida. Grazas ao acordo asinado entre o Concello de Ordes e o Arcebispado de Santiago de Compostela poderase destinar a albergue público durante un período de 30 anos.  

O inmoble no que se levou a cabo a rehabilitación foi orixinariamente unha casa reitoral. A propiedade inclúe tamén terreos lindeiros de 182 e 5.500 metros cadrados. A construción divídese en dúas alturas e presenta elementos orixinais como a lareira e paredes de pedra, os cales se procuraron respectar, ao igual que a súa policromía.

A inauguración

Na apertura do albergue de Poulo participaron tamén o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; a directora de Turismo de Galicia, María Nava Castro; o presidente da Mancomunidade de Ordes, Roberto Rey; o equipo do Goberno local ao completo e demais membros da corporación; ou don Víctor Maroño, vicario xeral do Arcebispado de Santiago.

No seu discurso o presidente da Xunta de Galicia recordou que o Camiño de Santiago pasa polo seu mellor momento, cunha cifra de peregrinos que medra case un 13% con respecto ao pasado ano, cando se alcanzou o récord con preto de 330.000. “O Camiño xa é ademais un fenómeno internacional, cun 66% dos peregrinos procedentes de case 180 nacionalidades e case a metade de rutas alternativas ao Camiño Francés, destacando o Portugués”, resaltando tamén a aposta pola conservación do patrimonio cultural. Feijóo concluíu aseverando que Galicia vai no bo camiño para conseguir esta meta, cun balance no primeiro cuadrimestre de 31.000 viaxeiros máis que o pasado ano.

Pola súa banda, o alcalde de Ordes agradeceu o “compromiso e a palabra do presidente Feijoo con Ordes”. Como exemplo citou “a estrada de Mercurín que une Ordes e Cerceda, e o albergue que hoxe inauguramos”. Un agradecemento do que o rexedor fixo tamén partícipe ao Arcebispado de Santiago “que de contado respondeu afirmativamente á proposta do Concello para ceder a reitoral de Poulo para o novo cometido que terá a partir de agora”. Martínez Sanjurjo valorou moi positivamente “o Plan Director e Estratéxico dos Camiños de Santiago impulsado pola Xunta, e no que o Camiño Inglés ten depositadas grandes esperanzas, ao tempo que resulta de xustiza recoñecer a implicación da Igrexa”.

O alcalde anunciou o inmediato comezo dos traballos de construción da nova senda peonil “que unirá o novo albergue coa vila de Ordes”, e que segundo o proxecto inicial contará tamén con carril bici. Un proxecto no que a Xunta de Galicia ten previsto un investimento de arredor de 600.000 €. Grazas a todo isto, José Luis Martínez Sanjurjo está seguro de que “por fin o concello de Ordes terá o protagonismo e a relevancia que merece no trazado do Camiño Inglés”, ademais de tratarse dun “importante punto forte para a economía da vila e dos establecementos que se sitúan no trazado do Camiño”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial