Ordes pon a funcionar as novas instalacións deportivas no Campomaior

0

Ordes, 2 de marzo do 2017 –  O Concello de Ordes pon á disposición de veciños e veciños un novo ximnasio de 300 metros cadrados no pavillón Campomaior que mellora considerablemente a oferta deportiva.

A nova infraestrutura conta cun acceso directo para facilitar o tránsito de usuarios en todo o complexo. A actuación incluíu tamén o arranxo e o acondicionamento do propio pavillón Campomaior e dos terreos lindeiros. En total hai que falar de 193.000 €, subvencionados nun 58% pola Deputación da Coruña grazas ao convenio asinado en marzo de 2016. A este importa hai que engadirlle outros 53.000 € de fondos propios destinados ao arranxo e mellora da cuberta do pavillón, á cal se dotou con puntos de luz natural.

Tanto os estudantes do CEIP Campomaior como o resto da cidadanía poderán beneficiarse dunhas instalacións con maior capacidade e aptas para ofrecer máis servizos. O novo ximnasio está destinado á práctica de actividades e cursos como ioga, ioga terapéutico, pilates, danza do ventre, ximnasia con material e para maiores, hipopresivos e Taekwondo, entre outras. A medida posibilita que se desconxestionen os espazos onde habitualmente se desenvolve o programa deportivo municipal, como é o local situado na rúa Reconciliación.

Destaca tamén a nova pista de vinilo que cubre o pavillón, sinalizada segundo o regulamento da Real Federación Española de Patinaxe, e que xa está a ser utilizada polos integrantes do Club Galia de Patinaxe. Outras execucións a destacar son: Substitución do exterior da fachada existente por unha chapa minionda en cor aluminio; instalación dunha nova cuberta con puntos de luz naturais; repintado do interior de toda a instalación; azulexado e arranxo das zonas de baños e duchas; pintado da pista para a práctica de tenis, fútbol sala e baloncesto segundo a normativa oficial; illamentos e impermeabilizacións; revestimentos interiores e azulexados; carpintería; vidreiras; instalacións eléctricas; fontanería; xestión de residuos, controis de seguridade e saúde etc.

Medallistas de 5 clubs   

O alcalde de Ordes e a concelleira de Deportes, José Luís Martínez Sanjurjo e Ana Soneira, achegáronse ao novo ximnasio Campomaior para compartir a mañá cos integrantes do Club Boudsport de Taekwondo. Un encontro que ambos representantes aproveitaron para felicitar e recoñecer publicamente  o esforzo e o éxito acadado por Carla Diéguez Veiras, que a semana pasada alcanzou o título de subcampiona de España cadete 2017 (campiona galega cadete 2017 e  2016), e por Manuel Castro Rodríguez, bronce no Campionato de España Cadete 2017 ( bronce no Campionato Galego Cadete 2016 e campión galego cadete 2017).

O club local foi o encargado de organizar unha xornada de tecnificación de combate na que participaron os clubs Garrapucho (A Coruña), Center (Oleiros), Kwon (Betanzos), Moo Duk Kwan (Villalba).    Entre outros e outras varios e varias medallistas dos últimos campionatos nacionais e autonómicos tiveron ocasión de afinar a súa preparación de cara ao próximo open de España (25 e 26 de marzo) nos novos tapices de máis de 190 metros cadrados aportados pola área de Deportes do Ordes. Uns novos elementos que permitirán habilitar 3 zonas de combate distintas, algo moi necesario para que os membros do Boudsport sigan acadando medallas e éxitos ao longo de todo o territorio nacional.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial