Ordes lembrará en Boisaca aos fusilados do 36

0

Ordes, 9 de febreiro do 2017 – O próximo sábado lembrase a causa 230/36 que acabou co fusilamento dunha serie de veciños de Ordes e con outros tantos no cárcere.

Os actos comezarán as 10 da mañá coa visita ao antigo cárcere nos baixos do Pazo de Raxoi. As 12:00h. terá lugar o acto central no monumento aos de Ordes situado no paredón de Boisaca.

O historiador Manuel Pazos Gómez lembra para Lindeiros como sucederon os feitos aquel xullo de 1936

Os fusilados de Ordes – Manuel Pazos Gómez

O sábado 18 de xullo de 1936 o Goberno da República anunciou que unha parte do Exército en Marrocos se levantou en armas contra o poder lexitimamente constituído.

Na Coruña, o día 20 declárase o estado de guerra e os sublevados ocupan os edificios institucionais e de comunicacións; os resistentes contra o golpe foxen cara os barrios periféricos da cidade.

En Santiago de Compostela, o 18 de xullo organízase un grupo da Fronte Popular para frear a posíbel sublevación do cuartel de artillería e da Garda Civil.

En Ordes estase pendente do que sucede na Coruña e en Compostela, polo que o día 19 de xullo persoas demócratas comezan a mobilizarse contra o golpe constituíndo o Comité Local da Frente Popular que é apoiado e reforzado por persoas chegadas de Compostela. Tamén se organizan as Milicias Populares para defender a República.

Este Comité Local, xunto con outros membros da esquerda formado principalmente por socialistas, galeguistas e persoas sen adscrición política), requisan armas, explosivos e coches, patrullan, deteñen destacados dereitistas, constrúen trincheiras, colocan explosivos debaixo da ponte da estrada xeral e tamén reparten armas na Casa do Concello. Paralelamente, varios ordenses van a Compostela e despois únense aos mineiros de Lousame que van combater ao Exército á Coruña, mais volven deseguido porque na Coruña xa triunfara o golpe militar.

Durante a tarde do día 22 os militares procedentes da Coruña toman Ordes sen que houbese nin sequera disparos, nin mortos, nin feridos. Os dirixentes da Fronte Popular e outros opositores á sublevación son detidos e encadeados, primeiro, no cárcere de Ordes e despois en Compostela. Outras persoas vinculadas “ás esquerdas” agáchanse ou foxen das súas casas por medo ás represalias.

O día 31 de xullo do ano 1936 procédese a instruír a causa contra varios veciños de Ordes por “tomar parte activa no movemento revolucionario contra o Exército nacional”, é dicir, por oporse á sublevación militar, ao denominado Alzamento Nacional. Todos os membros do tribunal son militares e as acusacións para a condena dos procesados baséanse en tres documentos: o informe do garda civil de Ordes José Pérez Pérez, o do delegado da Orde Pública e as declaracións dos acusados. Evidentemente, o xuízo é unha farsa, con acusacións desmesuradas e informes onde as conviccións políticas son esaxeradas de tal forma que case todos os procesados son cualificados de “comunistas, extremistas, de mala conduta…” Todo o proceso enmascara un xenocidio no eido político, é dicir, matar a persoas inocentes polas súas ideas.

O consello de guerra, recollido na Causa 230/36, divide aos procesados por “rebelión militar” contra o Alzamento Nacional en dous grupos:

No primeiro grupo están os “executores”, os de “maior influencia revolucionaria” segundo os militares que son condenados a morte:

O último, Paco Comesaña, condenado a morte, librouse da execución por ter nacionalidade cubana.

Os once primeiros morreron fusilados no cemiterio de Boisaca no amencer do día 8 de febreiro do ano 1937.
Anteriormente outra persoa de Ordes foi paseada en Boisaca, trátase de Manuel del Río Mandayo.

No segundo grupo de condenados figuran os que loitaron contra o Exército porén “non exerceron funcións directoras”, son oito persoas que permaneceron no cárcere durante varios anos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial