Ordes aproba medidas para o mantemento e promoción do patrimonio cultural

0

Ordes, 26 de novembro do 2017 – O Pleno de novembro do Concello de Ordes aprobou por unanimidade diversas medidas para o mantemento e promoción do patrimonio cultural do concello.

A petición da non adscrita Beatriz Martínez Candal instarase á Xunta a elaborar un plan de protección dos bens catalogados, no que se incluirá a sinalización de cada un deles ademais dos datos sobre a súa descrición. O alcalde José Luis Martínez Sanjurjo destacou o incremento do 40% deste tipo de bens incluídos no PXOM que se está a tramitar, aspecto decisivo para que no seu día este contase co apoio dos nacionalistas na súa aprobación, xa que neste tipo de bens ve “un motor para a riqueza do mundo rural”. Seguindo co patrimonio do municipio Alejandro Manteiga, do grupo socialista, instou á necesidade de declarar Bens de Interés Cultural (BIC) a coñecida como Ponte Pereira; as igrexas de San Paios (Buscás), San Xiao (Poulo) e Pereira; a chamada Casa dos Maldonado (Poulo) e o castro da Margarida (Buscás). Neste punto algunhas voces indicaron que a dita lista se podía incrementar, como o chamado hórreo de Bello (Pereira) tal e como puntualizaron dende o BNG.

Foi dende a bancada do Bloque dende onde se lle instou ao alcalde a levar a cabo os trámites precisos para dispor dunha documentación gráfica onde queden recollidas a totalidade das redes de saneamento e abastecemento de auga públicas e privadas, co fin de dalas a coñecer a toda a veciñanza a través da web municipal (www.ordes.gal). Un punto no que se incluíu a emenda de Beatriz Martínez para elaborar un plan integral de saneamento e abastecemento de todo o municipio e que permita a previsión ou cálculo para definir tanto os tramos que precisan unha intervención máis inmediata como o seu custo. Martínez Sanjurjo recoñeceu a importancia desta moción, aínda que manifestou as súas reservas á hora de poder executala tal e como se solicita “xa que estamos a falar de propiedades privadas onde non se poden investir cartos públicos, polo que o primeiro paso que daremos é consultar si xuridicamente é factible”.

Centro polivalente

A reformulación da construción do centro sociocomunitario Isabel Zendal que o goberno local ten previsto para antes de mediados de 2019 foi a única moción na que non acadou o consenso de todas as forzas. Ademais do grupo de goberno tanto Roberto González como o voceiro socialista non secundaron a proposta, optando por absterse Beatriz Martínez e os catro edís de UxO. A opción plantexada por Vidal de reformar o actual Concello novo para usos sociais non convenceu. Martínez Sanjurjo defendeu a súa postura apelando aos servizos “que se poderán ofrecer dende no novo edificio que estará situado a carón do paseo fluvial Ramiro Recouso Liste. Sobre todo para os nosos maiores”. Como exemplo citou as dúas aulas destinadas a actividades de “envellecemento activo”, ou a sala multiusos que se construirá, ademais das novas dependencias para o persoal de Servizos Sociais. En total investiranse 600.000 €, na súa meirande parte subvencionados pola Consellería de Política Social, “aínda que estamos traballando, e contamos con conseguir, que esa subvención se incremente” indicou Martínez Sanjurjo. Tamén fixo referencia “á falta de espazo e ás condicións nas que a día de hoxe traballan moitos empregados do Concello, que obriga a dúas ou tres persoas a compartir despacho”. Roberto González tamén insistiu na importancia de que “tanto os concelleiros como os grupos da oposición poidan contar con despachos propios”, algo que a día de hoxe non é posible.

Violencia machista

O Pleno arrancou cun minuto de silencio por todas as vítimas de violencia machista, manifestando a corporación o seu apoio a todas e cada unha das persoas afectadas por “esta lacra”, en palabras do alcalde. Co gallo do Día Internacional da Non Violencia contra a Muller declarado pola ONU, o Concello de Ordes elaborou un manifesto no que, entre outros moitos aspectos e datos, se destaca que “a  violencia de xénero é un dos problemas máis graves aos que se enfrenta a sociedade,vinculado coa hexemonía vixente dunha cultura patriarcal”.

Obradoiro

No apartado dos rogos Susana García, concelleira de Traballo explicou o trámite levado a cabo no proceso de selección do obradoiro de emprego Ordes-Frades II. Tamén, e de xeito pormenorizado, informou so envío de misivas e dos intentos por parte do persoal de Correos de contactar coas persoas inscritas no dito proceso. Así, co fin de cumprir co criterio de igualdade de oportunidades e en todo momento baixo a supervisión dunha comisión mixta formada por persoal do INEM e técnicos dos concellos de Ordes e Frades, se convocaron a tres candidatos por cada praza ofertada. “En total se enviaron por correo 156 comunicacións o mesmo día, das cales unicamente non foron recollidas dúas delas xa que foi imposible localizar aos destinatarios”. As explicacións non convenceron a Pablo Vidal, voceiro do BNG, a pesar da certificación oficial por parte de Correos do intento de entrega da totalidade das cartas no prazo establecido nas bases do proceso, e de que a día de hoxe non hai ningún tipo de reclamación oficial por parte de ninguén.

Como edil de Educación, Susana García informou do normal restablecemento dos recreos no pavillón Campomaior de parte do alumnado de primaria do CEIP Campomaior. Algo que contou coa supervisión, no día de onte, do alcalde José Luis Martínez Sanjurjo. García achacou ao claustro do colexio a decisión de non levar aos nenos e nenas a esta instalación. Algo que, según García, non ven dado polos problemas de condensación e ao posible risco de caídas, senón “a outros aspectos que parten do claustro. Proba disto é que levamos meses sen que chova polo que non cabía a posibilidade de contemplar ese risco”. Dende o Concello xustificaron as obras efectuadas na pista do polideportivo, as cales se levaron a cabo conforme aos certificados técnicos, contando cos informes correspondentes de fin de obra. Non obstante o Concello atenderá solicitudes por parte da comunidade educativa, como a colocación de alfombra para que a rapazada poida acceder ás instalacións co calzado seco.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies