O Concello de Ordes tamén presenta alegacións  ao parque eólico Ardemil

0

Ordes, 13 de abril do 2018 – O Concello de Ordes xa ten presentadas as súas alegacións con respecto ao parque eólico Ardemil. No escrito remitido o pasado 9 de abril á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, solicítase a consideración de diversos aspectos.

Entre as alegacións presentadas ao proxecto de parque eólico advírtese que “parte do espazo protexido LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) do río Tambre linda e, incluso, insírese dentro da delimitación do parque”, o cal contempla a instalación de 9 aeroxeradores dentro do termo municipal. No que se refire ás alternativas formuladas tamén se sinala a ausencia de factores de importancia. É o caso da presenza no Camiño Inglés, trazado que atravesa en toda a súa lonxitude a parroquia de Ardemil, así como a reserva da biosfera denominada Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Outro fai alusión á existencia de espazos naturais de interese local (Lei 9/2001, de 21 de agosto, de Conservación da natureza) como é o caso do río Abelleira e das ribeiras do Mero e do Barcés.

Tamén se demanda unha análise dos efectos dos aeroxeradores sobre a poboación, dado o impacto visual e acústico que supoñen. Sobre todo tendo en conta que algúns deles “sitúanse a distancias inferiores aos 30 metros do bordo do núcleo rural e a 40 metros da vivenda máis próxima”. Algo prohibido de acordo coa formulación e a lexislación vixente que restrinxe o seu uso en solo de núcleo rural. En concreto considéranse inaceptables os que se contemplan nas inmediacións de: O Mesón do Vento, Faramilláns, O Porto, O Coto, Campo do Sino, O Castro, Igrexa, Pedreira e Patrocelos.

Recolocación

En palabras do alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo “A día de hoxe estamos traballando para presentar nas próximas horas as alegacións ao proxecto do parque eólico de Lavandeira”. O rexedor ordense tamén se pronuncia sobre o de Ardemil, indicando que “a nivel municipal imos defender a inaceptabilidade das localizacións propostas -afeccións á poboación- nas inmediacións dos núcleos de poboación das parroquias afectadas. Resúltanos especialmente preocupante o non ter en conta a proximidade do trazado do Camiño Inglés e espazos con intereses naturais presentes no ámbito local. O proxecto como está formulado vai atopar o rexeitamento frontal do Concello de Ordes, á espera de que as ditas circunstancias negativas sexan tidas especialmente en conta e provoquen o rexeitamento do proxecto completo; ou ocasionen como mínimo a recolocación dos aeroxeradores a outras zonas máis apropiadas dentro do noso termo municipal”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies