Ordes descobre unha placa en memoria de Isabel Zendal Gómez

0

Ordes, 4 de decembro do 2017 – Ordes descubriu unha placa na honra de Isabel Zendal, a enfermeira ordense que participou na Real Expedición contra a varíola, a comezos do século XIX.

O Concello de Ordes está a desenvolver a promoción e posta en coñecemento da figura e de Isabel Zendal Gómez, veciña da parroquia de Parada. Zendal foi a primeira enfermeira da historia en participar nunha expedición internacional segundo a Organización Mundial da Saúde, e nomeada recentemente como filla predilecta do municipio. Dentro de ese traballo de visibilización, a considerada primeira enfermeira do mundo, conta xa cunha placa no seu lugar de nacemento e cun monumento en pleno corazón de Ordes.

O pasado 30 de novembro cumriuse o 214 aniversario da partida da expedición Balmis na que participou Isabel Zendal. Numerosos persoas congregáronse na aldea da Agrela, lugar de nacemento da que é unha das máximas responsables da erradicación da praga da varíola ao longo de todo o mundo. Alí descubriuse unha placa na que se fai alusión a esta gran muller e a súa importancia para a humanidade.

Ademais dos veciños do lugar, ao acto acudiron o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e demais membros do seu goberno, así como unha ampla representación da meirande parte dos grupos da corporación local. Tamén quixeron estar presentes Fernando Fernández, secretario da Asociación Isabel Zendal (A Coruña); Antonio López Mariño, historiador, investigador e xornalista; Ana García Campos, vicepresidenta do Colexio Oficial de Enfermería da Coruña; Francisco López, párroco da parroquia de Parada; os exalcaldes de Ordes Manuel Viqueira e Teodosio Martino, así como un amplísimo número de familiares da homenaxeada.

Presidente honorífico

Xesús Pedreira, secretario dos socialistas ordenses e un dos máximos impulsores do traballo para situar a Isabel Zendal no lugar que se merece no coñecemento colectivo. Pedreira foi un dos encargados de descubrir a placa e nos instantes previos a este momento anunciou o seu recento nomeamento como presidente honorífico da Asociación Isabel Zendal de México. Tras os aplausos e felicitacións o alcalde de Ordes tivo palabras de agradecemento e consideración polo traballo desempeñado por Pedreira, “algo fundamental e imprescindible para que Ordes e Veracruz hoxe en día sexan dous concellos irmandados”. Precisamente como sinal deste acordo asinado o pasado mes de outubro Martínez Sanjurjo fíxolle entrega dunha encadernación na que se recollen todos os acordos e compromisos asinados entre ambos municipios, así como unha copia da acta de irmandamento.

Tamén tivo palabras de eloxio o investigador Antonio López Mariño, un dos máximos responsables do ensalzamento que está a ter hoxe en día Isabel Zendal, quen compartiu o seu desexo de ser “semente de cara á  xente máis nova para que sigan investigando e descubrindo a ollos de todos a importancia que tivo Isabel Zendal para toda a humanidade”.

Rematado o acto na aldea da Agrela a homenaxe tivo unha segunda parte na vila de Ordes, concretamente no parque infantil Félix Rodríguez de la Fuente. Alí descubriuse un monólito na súa honra. Un momento aproveitado polo alcalde de Ordes para apelar “á suma de todas as forzas para situar a Isabel Zendal no lugar que se merece na historia, e dala a coñecer a toda a sociedade”

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies