O Pleno de Ordes aproba medidas de aforro enerxético e un obradoiro de emprego

0

Ordes, 29 de xullo do 2019 – Ordes foi dos máis madrugadores en poñerse a traballar e, mentres moitos concellos aínda están coa organización, xa aprobou en pleno extraordinario medidas de aforro enerxético e un obradoiro de emprego.

O aforro enerxético ven dado por medidas de eficiencia que suporán un 70% menos de gasto para as arcas municipais. Trátase de dúas actuacións, aprobadas por unanimidade, que atinxen ao sistema de iluminación pública (Fase II) e á implantación dunha instalación solar térmica na piscina climatizada Iván Raña Fuentes. Os orzamentos de ditos proxectos ascenden a 2012.439,05 106.536,40 euros respectivamente. Unhas contías que serán sufragadas nun 80% a través dos fondos FEDER concedidos a través do Instituto da Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).

ordes pleno aforro enerxético

dav

O primeiro dos proxectos contempla, dun total de 508, o cambio de 413 puntos de luz por outros con tecnoloxía LED. As luminarias sitúanse ao longo das rúas Campeiras, Galicia, Rosalía de Castro, Alfonso Senra, Campo da Feira e no lugar de Guindiboo de Arriba. No caso da piscina comarcal a instalación térmica proxectada servirá de apoio para a produción de auga quente sanitaria (ACS) e para o quentamento do vaso. Isto traducirase tamén nunha diminución na emisión á atmosfera de gases de efecto invernadoiro derivados do uso de combustibles fósiles.

Outra medida na que todos os grupos estiveron de acordo foi a de solicitarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a subvención de 324.896 euros para a posta en marcha do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo II. Ao igual que o anterior obradoiro, cuxa fecha de finalización está marcada para o vindeiro 8 de agosto, levarase a cabo de maneira conxunta polos concellos de Frades, Mesía e Ordes, sendo este último a entidade promotora. En total serán 20 os alumnos/as traballadores/as que formarán parte del realizando labores de repoboación forestal e silvicultura á par que reciben formación teórica.

No caso do municipio de Ordes contémplanse 17 actuacións que pasan, entre outras, polas melloras nas parcelas incluídas en procesos de concentración parcelaria, así como traballos de rozas mecánicas e manuais ou repoboacións. O parque empresarial de Merelle, as brañas de Pumariño, área da Adina, campo da festa de Parada, Revolta de Mosqueira (Leira), prado de Ramos (Barbeiros), entorno da capela de San Pedro de Adrán (Vilamaior), ou a chousa de Ardemil son algúns dos lugares onde se realizarán estes traballos.

Tamén coa aprobación de todos os grupos ratificouse a modificación puntual da normas subsidiarias de planeamento municipal para a consecución en solo en industrial dun sector no lugar de Queirua. Unha medida que garantirá o crecemento e desenvolvemento de novos proxectos para a empresa Internaco S.A.

Modificación puntual

O único punto que non conseguiu acadar o consenso foi o relativo, tamén, á unha modificación puntual da normas subsidiarias de planeamento municipal: Esta vez facía referencia ao núcleo de Reboredo. Agás o BNG o resto da corporación estivo de acordo en darlle luz verde á eliminación dun vial que segundo o ditame presentado “non mellora a accesibilidade, desvirtúa a morfoloxía do núcleo rural e complica o entronque entre o vial norte con outros”. Baixo o criterio dos nacionalistas esta supresión non mellora a contorna, considerando preferible a incorporación de superficie ao dito vial.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial