Ordes precisa solo industrial para as empresas

0

Ordes, 8 de outubro do 2018 – Paradoxo en torno aos terreos para a instalación de empresas en Ordes, ao tempo que o concello reclama máis solo industrial o BNG denuncia que no polígono hai fincas a monte.

O alcalde de Ordes destaca a necesidade “de que a Ordes se lle dote da máis solo industrial”. Recentemente eran vendidas as dúas últimas parcelas do polígono industrial grazas a unha bonificación de Xestur Galicia e o Instituto da Vivenda, dependentes da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.  José Luis Martínez Sanjurjo salienta que “tras esta operación non posuímos solo industrial ao longo de todo o termo municipal, sobre todo tendo en conta que a día de hoxe o expediente relativo ao futuro polígono de Pardiñas está paralizado. esta situación supón un enorme inconveniente para o desenvolvemento económico do concello” e confía en que “dadas as circunstancias o PXOM que se está a tramitar contemple a ampliación de terreos con esta cualificación”.

Ao igual que o alcalde o concelleiro de Industria e Comercio, José Manuel Rodríguez, manifesta a súa satisfacción pola dita operación e ambos agardan “que as obras para a construción dunha nova infraestrutura por parte dos xa propietarios se inicien o antes posible”.  Confían tamén en que este feito supoña un incremento nas oportunidades laborais de moitos veciños e veciñas da zona”.

Dende xaneiro deste ano Ordes está englobado no mapa dos ‘Concellos Doing Business Galicia’. Grazas a este marco de colaboración entre a Xunta de Galicia e as administracións locais as iniciativas empresarias que se instalen en Ordes gozarán dunha serie de vantaxes no seu fomento e desenvolvemento, así como de cara á súa implantación e fixación na Comunidade. A dita medida permite valerse tamén doutros apoios de cara á concesión de obradoiros de emprego, cursos, melloras en espazos destinados á formación ou beneficios fiscais para persoas empresarias e autónomas. Un aspecto que dende o Concello se considera “un atractivo engadido para a consolidación da actividade empresarial no municipio, sempre e cando este conte co requisito indispensable de máis espazos onde poder levarse a cabo”.

Fincas a monte

O BNG pola súa banda denuncia o feito de que no polígono industrial existan fincas a monte. O portavoz Pablo Vidal considera a demanda de solo para as empresas unha “farsa posto que no polígono industrial de Merelle existen numerosas parcelas que están completamente a monte”. Os nacionalistas consideran que “resulta inaudito que desde a administración autonómica e local, permitan a especulación en terreos industriais, condenando deste xeito o desenvolvemento de Ordes”. Neste sentido o BNG esixe ao alcalde que efectúe os trámites precisos para “a resolución dos contratos de compravenda das parcelas baleiras, que incumpran a obriga de obter a habilitación correspondente para a primeira actividade no prazo establecido”.

O BNG cree precisa a ampliación do solo industrial de Ordes, e neste senso denuncian a parálise que está a sufrir a tramitación do plan xeral de Ordes “logo de pasar dous anos e medio desde a aprobación inicial do P.X.O.M., que non se intentase aínda a aprobación provisional do documento só pode significar dúas cousas, a incompetencia do alcalde ou o seu retraso deliberado e malicioso por puro interese electoralista”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial