займ срочно

Ordes aproba por unanimidade medidas  contra os cortes da subministración eléctrica  

0

Ordes, 27 de xaneiro do 2017 – O primeiro pleno municipal do ano presentou unha nova composición da corporación ao abandonar o Goberno e pasar ao grupo dos non adscritos os concelleiros de Deportes e de Obras e Infraestruturas, Luis Caamaño Fraga e Beatriz Martínez Candal respectivamente.

Todas e cada unha das mocións presentadas foron aprobadas de maneira unánime. O PSOE instou á implantación dun sistema de radioloxía dixital no centro de saúde de Ordes. Unha demanda “xa incluída no programa electoral do actual Goberno Local” segundo informou o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo.

Pola súa banda os nacionalistas solicitaron un rexistro das interrupcións na subministración eléctrica no municipio por parte de Gas Natural Fenosa, os índices de calidade da súa continuidade, así como as actuacións que se van acometer para evitar os cortes de luz.

Seguindo co mercado eléctrico, e cunha xestión “iniciada xa hai algún tempo polo Concello” tal e como puntualizou o rexedor, o BNG tamén demandou a imposición dunha taxa pola utilización do dominio público por parte das empresas encargadas do transporte enerxético. Este beneficio económico para as arcas municipais agardan que supoña unha baixada nos impostos municipais. Neste punto aprobouse a emenda dos socialistas que amplía o gravame aos operadores de telefonía móbil e a súa repercusión económica en prol dos servizos sociais.

BNG

O BNG de Ordes propuxo que o concello leve a cabo os trámites precisos para elaborar e aprobar unha ordenanza fiscal para cobrarlle a correspondente taxa ás empresas titulares das instalacións de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos; pola utilización ou aproveitamento do dominio público local. A pretensión dos nacionalistas é que o recadado por este concepto, sexa empregado para baixar outros impostos municipais á veciñanza, como poden ser o IBI ou o ICIO.

Noutra proposta o BNG tenta dar solución aos problemas que sofre nos últimos meses Ordes coa subministración eléctrica debido aos múltiples apagóns, instando á Consellería de Economía, Emprego e Industria a actuar ao respecto salvagardando os intereses da veciñanza de Ordes.

As dúas propostas foron aprobadas de xeito unánime no último pleno da corporación municipal.

Psoe

Os socialistas de Ordes celebraron o apoio unánime dos grupos municipais á proposta do de implantar a radioloxía dixital no centro de saúde de Ordes. “A instalación deste servizo no PAC ordense tería efectos moi positivos para os veciños e veciñas de Ordes pois cambiaría totalmente a forma de xestionar, solicitar ou visualizar as imaxes e os informes radiolóxicos que se xerarían no centro de saúde”, explicou a voceira municipal socialista, Verónica Gómez.

“Este avance axudaría a desconxestionar o Servizo de Urxencias emprazado no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, a reducir os tempos de espera aos doentes aló remitidos polo Centro de Saúde ordense e tamén evitaría o custo, o tempo e a molestia, sobre todo para as persoas máis maiores, que supón desprazarse a Santiago para a xente de Ordes”, puntualizou a concelleira. Neste sentido, os socialistas celebran o cambio de opinión o Partido Popular, que en xullo de 2014 non respaldara unha moción semellante.

Parcelaria

Finalmente, os socialistas denunciaron no pleno os problemas nas fincas da concentración parcelaria de Parada II e Mercurín-Lesta “pola situación na que se entregan as fincas, cunhas entradas en moi malas condicións e que deteriorarán as pistas, producindo co tempo unha carga económica para o Concello”, explicou Verónica Gómez. Ademais, a situación actual supón un problema para os propietarios das fincas, “xa que se atopan con montes de terra nas súas propiedades e teñen que proceder ao seu allanamento para poder utilizalas”. O Concello anunciou que se porá en contacto coa Consellería do Medio Rural para resolver esas deficiencias.

Finalmente, os socialistas solicitaron de novo a instalación dunha barandilla de protección na intersección entre as rúas Rodríguez de la Fuente e do Recreo; así como que se solucione o problema existente nos pasos de peón, onde se esvara moito e se están producindo caídas. Ademais, pediron unha solución para os problemas de estacionamento na N-550 polo pintado de zona de carga e descarga, concretamente entre a rúa de Mundito e a rúa Rosalía de Castro, xa que prexudica aos comerciantes da zona porque os clientes non poden aparcar.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies