Oroso destina 50.000 € a estradas e abastecemento de auga en os Ánxeles e Trasmonte

0

Oroso, 29 de setembro do 2017 –  O pleno municipal de Oroso aprobou dúas modificacións de créditos por importe de 50.000 euros, propostas polo grupo de Goberno, para mantemento de estradas e abastecemento de auga as localidades de Sar, Os Ánxeles, e Estación de Garga, Trasmonte.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, indicou na súa intervención que a seca é unha realidade coa que se ten que contar e por iso e preciso levar con urxencia a auga ás localidades de Sar e Estación de Garga. Un proxecto no que o Concello investirá 35.000 euros e que foi aprobado por unanimidade.

Pola súa banda, o concelleiro de Obras, Eduardo Veiras, explicou que “os restantes 15.000 euros empregarémolos para completar o rebacheo de pistas municipais que comezamos este verán, especialmente nas parroquias de Oroso e Trasmonte”. Esta modificación foi aprobada cos votos a favor de PSOE, PP e BNG e a abstención de Anova

Modificación do PXOM

Así mesmo, o pleno municipal volveu aprobar a modificación puntual número 10 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), de maneira que se lle dá cumprimento a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a concentración parcelaria das parroquias de Senra, Cardama e Vilarromarís. “É unha sentenza que hai que cumprir e agardamos que desta sexa a definitiva”, apuntou o alcalde Manuel Mirás.

Este acordo refírese a una resolución xudicial que acepta parcialmente o recurso presentado por tres veciños pola concentración parcelaria. Neste proceso, parte dos seus terreos foron cualificados como solo de protección forestal ou de montes, polo que esas propiedades eran destinadas a prado. A sentenza do TSXG estima que eses terreos deben ser clasificados como solo de protección agropecuaria, o que obriga a modificar o PXOM. A modificación xa fora aprobada inicialmente polo pleno en xaneiro de 2016 e volveuse aprobar en novembro de 2016, en ambos casos por unanimidade. Hoxe volveu ser aprobado, nesta ocasión coa abstención dos catro concelleiros do PP. Finalmente, nesta sesión tomou posesión do seu cargo como concelleiro José Carlos Mosquera Boo, dentro do grupo municipal popular.

Non á peaxe

Na quenda de mocións, o pleno aprobou por unanimidade dúas propostas do partido socialista para esixir a eliminación da peaxe no enlace sur da AP-9 e esixirlle á Xunta unha cobertura e un servizo eléctrico de calidade no municipio. Así, o Concello de Oroso instará ao Goberno de Estado a negociar ante AUDASA a supresión da peaxe da AP-9 no tramo Sigüeiro-Santiago, ao tempo que instará á Xunta a apoiar estas reclamación.

O voceiro municipal socialista, Antonio Leira, lembrou os múltiples atrasos sufridos polos veciños e veciñas de Oroso na posta en marcha dunha infraestrutura aprobada polo Goberno Zapatero en novembro de 2011 e asegurou que “seguimos a padecer o feito de que unha infraestrutura, que debería ser un avance na calidade de vida de todos, volve a castigarnos polos seus custes”. “A autopista do Atlántico é unha das tres máis caras de España en función do prezo por quilómetro. É a mais cara para os transporte pesados, a segunda pra vehículos lixeiros e a terceira para os de categoría 2. Son datos do Ministerio de Fomento que converten o tramo Sigüeiro.Santiago nun dos máis caros do Estado, sen dúbida un castigo máis”, apunta Leira Piñeiro.

Os tres partidos da oposición respaldaron a proposta, salientando que “non sería necesaria se a AP-9 fose pública e non do sector privado”, apuntou o voceiro do BNG, Xosé Manuel Pérez. Un punto que corroborou o voceiro de Anova, Siverio Mirás, quen lembrou que “a concesión acababa en 2018 pero veu o señor Aznar e regaloulle outros 30 anos aos seus amigos”. Finalmente, o voceiro do PP, Alenxánder Doval, lembrou que a transferencia da AP-9 a Galicia “é a fórmula máis factible para chegar ao obxectivo desta moción” e lembrou que “o Parlamento de Galicia xa a solicitou pero non foi admitido polo Ministerio de Fomento”.

O alcalde Manuel Mirás pechou o debate advertindo que “isto vai levar anos pero hai que loitalo. Cando empezaron falaron dunha peaxe entre os 80 céntimos e o euro. Penso que están cometendo un erro porque se cobraran menos terían moito máis tráfico”. Porén, salientou tamén que “hai unha gran satisfacción nas empresas do polígono de Sigüeiro pois, a pesar de que é cara, para estas empresas loxísticas o imporante é o tempo”

Electricidade

Finalmente, o pleno aprobou por unanimidade unha moción para instar á Xunta a que, a través do Servizo de Infraestruturas Enerxéticas, mellore as redes de distribución de enerxía eléctrica no municipio e esixirlle á Consellaría de Industria a que faga cumprir os convenios de colaboración coas empresas. “En abril de 2008, o subministro de enerxía eléctrica no Concello de Oroso reforzouse de forma significativa tras un investimento de máis de 2 millóns de euros que serviu para a entrada en funcionamento de cinco novas liñas que parten da subestación eléctrica de Sigüeiro.Dende o 2008, non houbo ningunha mellora”, denunciou Leira.

Pola súa banda, Xosé Pérez celebrou que “se reivindique o denostado bipartito”, mentres que Alexander Doval salientou que o seu voto era a favor da moción. Nesta moción tivo lugar un cruce de acusacións entre os voceiros de PSOE e PP. Antonio Leira aseguro que “o que o señor Doval leva a redes e o presenta no pleno non se parecen en nada”. Algo ao que o voceiro do PP respondeu asegurando que “se votamos a favor é porque o importante é que se solucione o problema”.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies