Oroso, 14 de febreiro do 2020 – Oroso repartirá máis de 3.000 euros en premios, ademais de organizar concertos e obradoiros de cociña, nas actividades do Entroido 2020.
A programación do concello terá o seu momento álxido na tarde do día 22. O desfile de Entroido sairá do pavillón de deportes e farán un percorrido polas rúas de Sigüeiro. O concurso premiará as mellores comparsas e disfraces en categoría Adultos e Infantil. Ao mesmo tempo os que acudan disfrutarán ata a noite de actividades de animación, inchables, e música.
Á marxe do desfile, Oroso celebrará unha nova edición do concurso de receitas ‘En galego sabe mellor’, dirixido a maiores de 16 anos, e dous obradoiros de repostería e arte floral.
A concelleira de Cultura, Vanesa Boo, destaca “a variedade de actividades, para que todos os veciños e veciñas poidan participar nelas; o desfile do sábado ten cada vez máis nivel e esperamos como sempre moita xente esa tarde polas rúas e o pavillón”.
A programación do Entroido inclúe tamén un concurso de máscaras, no que tamén haberá premios para os mellores; o Festival do CRA, un concerto da Escola de Música, e actividades de animación para os máis pequenos.
O luns 24 de febreiro chegará a quenda da festa de disfraces, cun discomóbil para nenos e nenas con dj, mascota e obradoiro de maquillaxe. Os asistentes poden colaborar levando filloas, orellas e outros productos típicos de Entroido.
Todos os interesados en obter máis información sobre cada unha das actividades organizadas polo Concello de Oroso e os requisitos para participar, poden facelo no centro cultural, no teléfono 981690903 e na páxina web.