Deputación e Concello de Oroso construirán unha senda peonil no Camiño Inglés

0

Oroso, 25 de outubro do 2019 – A Deputación da Coruña e o Concello de Oroso investirán máis de douscentos mil euros na construción dunha senda peonil nun tramo do Camiño Inglés.

A senda peonil servirá de conexión entre o lugar de Oroso Pequeno e Sigüeiro, polo parque fluvial do río Carboeiro, un tramo utilizado frecuentemente polos numerosos peregrinos que percorren o Camiño Inglés. Esta nova vía redundará na seguridade dos camiñantes que actualmente deben pasar polo borde da calzada.

As obras suporán un investimento de 204.501 euros, dos que o 80% (163.601 €) serán achegados pola Deputación da Coruña a través dun convenio de colaboración, que será aprobado pola corporación provincial no pleno ordinario de hoxe venres.

A actuación consistirá en acondicionar unha senda uniforme que se dividirá en dous tramos. O primeiro empeza no núcleo de Oroso Pequeno até a avenida Álvaro Cunqueiro, discorrendo pola marxe dunha estrada municipal estreita. Dada a imposibilidade de ampliar o vial, proponse limitar o tráfico rodado a un só sentido, contrario ao fluxo peonil sa senda, pavimentando a beira dereita da estrada e unha parte da actual calzada. Así, o ancho mínimo para os coches será de 3,10 metros, mentres que a a senda terá un ancho de entre 1,20 e 150 metros.

O segundo tramo discorre pola avenida Álvaro Cunqueiro, paralelo ao polígono industrial, ata o punto de cruce coa área recreativa do Carboeiro. Neste tramo, anchéase o borde lateral dereito da senda, realizando pequenos desmontes para adecuar a topografía ao recorrido do Camiño. Nesta parte proxéctase un sistema de recollida de pluviais en continuidade co existente no polígono industrial.

Para a pavimentación da senda no seu conxunto proponse un pavimento terrizo ecolóxico, agás no cruce da área recreativa, onde se usará pavimento de formigón desactivado.

Esta actuación pretende valorizar, crear e reforzar unha imaxe de identidade común en torno aos diferentes Camiños de Santiago e enmárcase nas accións da Deputación para a promoción do Camiño Inglés e para a mellora da experiencia dos peregrinos, con actuacións que ademais de mellorar a seguridade, execútanse de forma respectuosa co medio ambiente, a paisaxe e o patrimonio.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial