займ срочно

O alcalde de Oroso di que a Lei de Protección e Benestar dos animais de compañía podería supor para o concello un gasto de 50.000 €

1

Oroso, 10 de xaneiro do 2018 –  O centro cultural de Sigüeiro (Oroso) acolleu a xunta de voceiros da Federación Galega de Municipios e Provincia, na que se volveu solicitar unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente para trasladarlle o malestar dos municipios tras a aprobación da nova Lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia.

Os Concellos coincidiron na necesidade de acompañar esa lei dunha liña orzamentaria polas novas responsabilidades que supón para o municipalismo.

Segundo indica a lei, os Concellos serán os encargados de recoller os animais domésticos abandonados que anden soltos polo seu termo municipal e deben albergalos ata ser reclamados polos seus propietarios, acollidos ou adoptados. Isto, se ninguén reclama ao can, significa para os Concellos galegos facerse cargo do animal durante toda a vida do mesmo. Isto loxicamente terá uns custos para as arcas municipais e os concellos galegos demandan financiamento.

50.000 euros máis de gasto

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explica que no municipio se produciran ata 15 chamadas por abandono de animais desde o inicio deste 2018 e cifra en 50.000 euros o gasto anual engadido que o Concello de Oroso tería que acometer para acomodarse á lei. “Ao mellor o que temos que facer é ir ao contencioso administrativo coa Lei de Protección e Benestar dos animais de compañía de Galicia por non incluír unha dotación económica suficiente para que os Concellos poidamos facernos cargo das novas responsabilidades que se nos impoñen”.

Neste sentido. Mirás amosou un informe elaborado pola empresa encargada do servizo de lacería no concello de Oroso no que se advirte que o sacrificio cero e a esterilización que impón a lei, que entrará en vigor o vindeiro 11 de xaneiro, é imposible economicamente. “Estamos falando dun custe de entre 426 e 581 euros por can o primeiro mes, co procedemento de castración e preparación para a súa adopción”, explica Mirás, “pero despois hai que pagar como mínimo 5 euros por día de vida ata que se atope alguén que o adopte. Aínda que iso fose economicamente posible, en poucos meses teriamos todas as canceiras e centros caninos de recollida saturados”. Ademais, o alcalde orosán salienta que a achega de 300.000 euros que manexa a Xunta son insuficientes. “Madrid ten un orzamento de 1,5 millóns, que non lles chega a nada e resulta que teñen menos cans que en Galicia”, apunta Mirás Franqueira.

Mirás insiste en que “os Concellos temos que estudar coa Xunta un orzamento realizable”. Por iso, lembra que a Fegamp ten pedida unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente para trasladarlle esta problemática e tamén os problemas engadidos que trae a falta de inclusión dos animais no Rexistro Galego de identificación de Animais de Compañía e que dificulta moito a identificación dos donos dos animais.

Na xunta de voceiros da Fegamp celebrada en Oroso participaron o presidente da Fegamp e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García; os alcaldes de Cervo, Alfonso Villares; Carballo, Evencio Ferrero; Sada, Benito Portela; e Oroso, Manuel Mirás, así como persoal executivo da federación.

Share.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies