Oroso inviste 160.000 euros na duodécima senda peonil do concello

0

Compostela, 14 de xullo do 2017 – O Concello de Oroso está a construír a súa duodécima senda peonil, nesta ocasión na parroquia de Senra, concretamente entre A Baiuca e a Igrexa de Santa Eulalia de Senra, pasando pola localidade de As Canteiras e chegando ata O Formigueiro.

O proxecto da senda peonil está incluído nos Orzamentos Municipais de 2016, no que o Concello está a investir un total de 159.265 euros e que estará rematado nos próximos días.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Obras, Eduardo Veiras, visitaron Senra para comprobar sobre o terreo a boa marcha dos traballos. “Son pouco menos de dous quilómetros pero darán moi bo servizo aos veciños e veciñas de Senra, pois unirá as beirarrúas da Baiuca na estrada DP-3801 Sigüeiro-San Mauro con, quizáis, a zona máis concorrida da parroquia, pois nela están a Igrexa de Santa Eulalia de Senra e o campo da festa”, explica Eduardo Veiras, quen confía en que “entre esta semana e a que vén as obras estean completamente rematadas”.

Senda do Piñeirón

As que xa están finalizadas son as da senda peonil entre Porto Avieira e o Piñeirón, na parroquia de Gándara, na que o Concello de Oroso investiu outros 116.178,14 euros. Trátase dunha senda peonil de 1,2 quilómetros de lonxitude que une a localidade de Piñeirón coa urbanización de Porto Avieira e, deste xeito, permite que os seus veciños e veciñas poidan chegar ata Sigüeiro por sendas peonís.

Ambas sendas teñen as mesmas características cas outras dez existentes no municipio (coa única excepción da que enlaza Sigüeiro coa Gándara, que foi realizada cunha capa asfáltica e cunha serie de illotes que separan os peóns do tráfico rodado). Así, as novas sendas teñen un ancho de dous metros, cunha base de grixo artificial compactado e con 15 centímetros de formigón.

Limpeza de sendas

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás,  amósase moi satisfeito “por ser un dos municipios galegos con máis quilómetros de sendas peonís construídas” e anunciou que “agora que rematamos co proceso de selección de persoal a través do Programa de Integración Laboral da Deputación da Coruña, ao longo da próxima semana acometeremos a limpeza das nosas sendas peonís”. Neste sentido, o Concello de Oroso disporá de dous peóns de limpeza, un oficial de 1ª e un peón de albanel, que se encargarán de acondicionar a ducia de sendas peonís coas que conta o municipio.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial