Oroso quédase sen paseo fluvial pola negativa de Augas de Galicia

0

Oroso, 11 de decembro do 2017 – Pese aos informes favorables do Servizo de Conservación da Natureza, Augas de Galicia non concede os permisos para que Oroso acondicione un paseo fluvial nas beiras do Tambre.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, non entende “como é posible que Augas de Galicia siga as indicacións do Servizo de Conservación da Natureza sobre as actuacións de roza e limpeza pero despois o desautorice e impida facer as pasarelas peonís, o que na práctica impide facer o paseo fluvial”.

O proxecto presentado polo Concello de Oroso contemplaba tres actuacións: a roza do trazado do paseo fluvial, a reparación do firme existente e a colocación de dúas pasarelas de madeira en dous puntos do percorrido para salvar dous regatos. A primeira pasarela tería unha lonxitude de 5 metros e un ancho de 1,5 metros para salvar un afluente do Rego do Muíño de Xan Castro. A segunda pasarela permitiría salvar a desembocadura do río Carboeiro e tería unha lonxitude de 8 metros e un ancho de 1,5 metros. En ambos casos, as pasarelas serían construídas en madeira de piñeiro tratada e madeira aserrada, cunhas bases en formigón armado mediante muretes de 50 centímetros de espesor. O Concello de Oroso pretendía tamén reparar a lameira existente entre ambas pasarelas e convertela nunha senda de 2 metros de ancho cun recheo de saburra natural.

Servizo de Conservación da Natureza

O pasado 27 de setembro, o Servizo de Conservación da Natureza emitiu informe favorable ao proxecto con tres recomendacións: que a roza sexa “coidadosa coa metodoloxía a empregar, recomendándose que se sigan os métodos establecidos na páxina web da Consellería”; que os 2 metros de ancho da senda “se adapten á contorna e non ao revés, non supoña unha perda de arborado de ribeira e que o ancho do camiño vaia cara a terra e non cara ao río”; e que na colocación das pasarelas “deberase dispor das medidas de prevención de cara a evitar que exista dispersión de materiais ao medio natural”.

Neste sentido, Mirás considera que “as indicacións do Servizo de Conservación da Natureza son coherentes e xa estaban contempladas no proxecto ou eran moi doadas de implementar, polo que non entendemos que Augas de Galicia informe desfavorablemente sobre a colocación das pasarelas”. De feito, a argumentación de Augas de Galicia para non autorizar a colocación das pasarelas é que se trata dunha zona inundable e que non conta polo momento cun plan específico de xestión de riscos. Dous condicionantes que tamén se dan no resto do proxecto pero que non impiden a súa execución.

“O que vemos é que Augas de Galicia só nos permite rozar o que, a día de hoxe, non é  máis ca un carreiro cheo de lama e sen firme ningún”, apunta Manuel Mirás, quen se pregunta “que tipo de paseo fluvial pretende Augas de Galicia que fagamos se non nos permite colocar as pasarelas para poder facer unha senda continua?. Acaso esperan que a xente vaia pasear pola zona e brinque por riba dos regatos? Porque o de catro metros aínda haberá quen o supere pero o de oito metros é algo máis complicado de salvar”. Unha negativa que aínda se entende menos cando a propia Augas de Galicia recoñece que as pasarelas estarían fóra da zona de servidume do río Tambre.

Alegacións rexeitadas

O alcalde orosán lamenta que “Augas de Galicia non autorice a execución dun proxecto moi demandado polos veciños e veciñas de Sigüeiro e que poría en valor para a veciñanza unha zona de gran beleza natural e paisaxística”. De feito, amosa a súa sorpresa por que o ente autonómico ignore o informe favorable ditado polo Servizo de Conservación da Natureza e prefira seguir as alegacións formuladas en novembro de 2016 por un veciño do municipio, J.M.M.P.

“Non deixa de ser irónico que unha das persoas que máis reclamou esta obra e que máis aplaudiu a súa necesidade, despois se opuxera a ela presentara unhas alegacións que ao final Augas de Galicia utiliza para impedir a súa execución. Non sei como o vai xustificar diante do seus conveciños”, indica Mirás Franqueira.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial