Oroso saca a concurso a xestión do punto de reciclaxe “Oroso Verde”

0

Oroso, 13 de xullo do 2017 – O Concello de Oroso vén de sacar a licitación a xestión do punto de reciclaxe “Oroso Verde”, construído pola administración local nunha parcela de 2.200 m2 na rúa de Trazo (polígono industrial Oroso Pequeno) e que supuxo un investimento de 101.049 euros.

A licitación do punto de reciclaxe será por un período de 3 anos, prorrogables por un ano máis, e cun valor estimado de 252.046,47 euros que suporá “un paso moi importante para conseguir que Oroso sexa un municipio cada vez máis limpo e sostible ambientalmente”, apunta Manuel Mirás, alcalde do municipio.

Mirás Franqueira explica que “as instalacións xa están completadas, despois de que durante as pasadas semanas Unión Fenosa procedera a instalar a conexión eléctrica pendente”, tal e como puideron comprobar o propio alcalde e o concelleiro de Obras, Eduardo Veiras, durante unha recente visita ás instalacións.

Posta en marcha

As empresas teñen ata o 26 de xullo para presentar as súas ofertas no Rexistro Xeral do Concello. Unha vez adxudicado o contrato, a empresa disporá de 35 días naturais para poñer en marcha o punto de reciclaxe “Oroso Verde”, que estará aberto ao público un mínimo de 24 horas semanais, de luns a venres. “Os horarios de apertura diarios serán dispostos dende esta Alcaldía en cada momento para satisfacer ao máximo a demanda dos veciños e veciñas de Oroso”, explica Manuel Mirás, quen apunta que “no caso de que fose preciso cambiar o horario nalgún momento, poderemos facelo simplemente comunicándollo ao contratista cunha semana de adianto”.

O punto de reciclaxe “Oroso Verde” está construído de xeito modular o que permitiría futuras ampliacións. Nel poderán depositarse diversos residuos para a súa clasificación, separación e posterior reciclaxe: pilas, disolventes, electrodomésticos, aerosois, baterías, produtos de informática… que se depositarán nos contedores dispostos nas instalacións: papel e cartón, vidro, envases e téxtil. O Concello de Oroso habilitou tamén un lugar especial para a recollida de plásticos agrícolas e entullos de obra, de uso exclusivo para particulares.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial