займ срочно

O Pleno de Oroso empraza á Xunta a revitalizar o rural e garantir a calidade de vida

0

Oroso, 2 de decembro do 2017 – O Pleno de Oroso acordou emprazar á Xunta a articular unha batería de medidas que solucionen a desatención que sufre o medio rural, garantindo a oferta de servizos públicos de calidade.

O acordo parte dunha proposta do grupo do goberno (PSOE), que foi respaldada polos representantes do BNG e de Anova e rexeitada polo grupo do PP. Antonio Leira, portavoz do grupo municipal socialista, defendeu que “non é certo que no rural non haxa nada que facer, cando en realidade está todo por facer e todo por gañar”.

Entre as reivindicacións que se trasladan á Xunta, figura o desenvolvemento dunha auténtica política forestal, un plan de investimentos en infraestruturas e servizos para o rural, o favorecemento efectivo dos sectores produtivos ou o remate de prácticas como as sancións punitivas inxustificadas, como as recentes inspeccións laborais na recollida de pataca.

O portavoz do PP, Alexander Doval, xustificou a súa negativa en que xa existe unha comisión parlamentaria para deseñar unha política forestal e en que, na súa opinión, as medidas que se piden xa as puxo en marcha a Administración autonómica. Antonio Leira desmentiu tal afirmación lembrando que “o 90% do que anuncia a Xunta son brindes ao sol, como as axudas para facer pozos, que ao final na maior parte dos casos non se obteñen pola tardanza de Augas de Galicia”. Neste sentido, o portavoz do goberno de Oroso demandou “compromisos claros e efectivos, non anuncios millonarios que ao final nunca chegan ás persoas que viven no rural”.

O alcalde, Manuel Mirás, tamén reprochou a “demagoxia” do PP sobre o rural, que exemplificou co desmantelamento do Banco de Terras de Galicia, co despedimento de brigadistas forestais en vez de mantelos todo o ano en tarefas de prevención ou coa derivación de responsabilidades como as obras hidráulicas nos Concellos. “Moitos Concellos, e Oroso é un deles, non recibimos un só céntimo da Xunta para abastecemento nos últimos oito anos –advertiu Mirás- pero antes de rematar este mandato lograremos rematar o ciclo da auga co esforzo do Concello”.

O rexedor sinalou que o PP “debería avergonzarse de non ter axudado” e concluíu que “no tempo que leva gobernado, que son moitos anos, o PP é unha ruína para Galicia e en especial para o rural”.

Transporte compartido

Por outra parte, a proposta do PP para implantar o transporte escolar compartido en Oroso foi rexeitada polo PSOE e o BNG, coa abstención de Anova, posto que a medida non está presentada aínda aos colexios nin ás ANPAS e polos riscos que podería implicar que os nenos e nenas teñan que compartir o autobús escolar con usuarios xerais.

Manuel Mirás explicou que este tipo de iniciativas evidencian “a mala intención da Xunta de desmantelar os servizos de transporte público, que non se utiliza porque nin activan os medios necesarios nin dotan as liñas de frecuencias nin autobuses dabondo”. O alcalde sinalou que “mentres eu goberne, Oroso non entrará por ese aro”, á vez que Antonio Leira lamentou que o PP trate de utilizar Oroso “para este tipo de experimentos”.

Violencia de xénero

Nesta mesma sesión plenaria, a corporación mantivo a súa unidade na loita contra a violencia de xénero, plasmada no manifesto lido nos actos organizados con motivo do 25-N. Non obstante, foi rexeitada unha moción do PP porque as propostas que presentaba, como implicar as comunidades veciñais nas campañas de prevención e denuncia, xa están sendo aplicadas. “Aínda que nunca é suficiente nesta materia, o Concello de Oroso é exemplar neste sentido”, confirmou o portavoz, Antonio Leira.

Outros acordos          

Polo demais, a corporación aprobou por unanimidade e sen debate o arrendamento entre o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e o Concello para facilitar no termo municipal de Oroso o proxecto de Vía Verde entre Santiago e Cerceda. O aluguer ten unha contía reducida, duns 1.800 euros anuais, e foi admitido por todos os grupos políticos. Idéntico resultado na votación obtivo unha modificación de estatutos da Asociación de Concellos do Camiño Inglés.

Rogos e preguntas

Na quenda de rogos e preguntas, os integrantes do goberno instaron ao portavoz do PP a abandonar as falsidades e o alarmismo nas súas actuacións políticas. Eduardo Veiras, concelleiro de Medio Rural, lamentou que o principal grupo da oposición “faga publicidade partidista vergonzosa” coas concentracións parcelarias “mentindo cando di que inviste sete millóns de euros cando en realidade é o investimento nos 25 anos que levan abertos estes procesos, que se reactivaron grazas ao bipartito”.

Tamén Beatriz Rodeiro, concelleira de Benestar Social, emprazou ao PP a “ser responsable e non crear alarmas innecesarias entre os usuarios do servizo de axuda no fogar”, logo de que a formación de Alexander Doval afirmase que subiría o prezo, cando en realidade aínda non se coñecen as propostas das empresas á licitación. 

O portavoz do PP quixo contestar estas afirmacións interrumpindo a quenda de palabra do alcalde, o que motivou que Manuel Mirás o avisase de que podía apercibilo e expulsalo. Doval amagou con abandonar a sesión cando estaba xa a punto de finalizar.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies