Os orzamentos do Estado recollen unha nova rotonda e un paso inferior para Ordes

0

Ordes, 7 de abril do 2018 –  Satisfacción no goberno municipal de Ordes polo millón douscentos mil euros que recolle os orzamentos do estado para a mellora da seguridade na estrada N-550.

Os orzamentos inclúen a construción dunha nova rotonda e un paso inferior. Tal como explica o alcalde, José Luís Martínez Sanjurjo, “Trátase do primeiro paso para chegar a facer realidade este proxecto tan necesario no só para a veciñanza de Ordes, senón para o tecido empresarial e comercial, así como para os peóns, condutores e condutoras que transitan pola nosa vila, deste xeito conseguimos darlle unha conexión segura á Rolda Leste coa N-550, vital para o desenvolvemento industrial e económico do noso municipio. Hai que entender este proxecto como unha nova oportunidade de crecemento por conectar o polígono industrial e a autoestrada de maneira eficiente coa dinamización da vila”.

O rexedor rebaixa de todos xeitos a ledicia xa que se trata duns orzamentos aínda non aprobados e lembra que dentro de pouco pasarán pola cámara baixa. Os cartos están divididos en dúas anualidades e amosan unha partida de 500.000 € e outra de 700.000 € para os anos 2018 e 2019.

Maior seguridade na N-550

Con esta nova infraestrutura resolveranse os problemas provocados polo elevado tránsito de vehículos, especialmente os pesados, que rexistra esta vía que conecta coa AC-524 (Ordes-Lanzá) e dá acceso a autoestrada AP-9. Destácase a falta de seguridade na intersección entre a estrada nacional e a variante sur de Ordes, aspecto que se resolve coa construción da dita glorieta. Esta terá un diámetro exterior de 38 metros e disporá de dous carrís de 4,5 m e beiravía interior e exterior dun metro, o que suporá un total de 11 m de anchura destinados á circulación. A obra permitirá, ademais, darlle continuidade e unir o carril bici e o paseo xa existentes cos situados na marxe esquerda da N-550. O tramo da senda será de 6 m en total, 3 m para as bicicletas e outros 3 para os peóns. Co fin de incrementar a eficiencia do proxecto, levarase a cabo a construción dun paso inferior de 25,5 m de lonxitude, 6 m de ancho e 2,6 m de gálibo, e estenderanse novas capas de firme nas zonas de sobreancheado. Ademais do repintado e a sinalización pertinente instalaranse 40 novos puntos de luz, 5 pantallas estancas antivandálicas no subterráneo e 4 proxectores na zona central da glorieta. Tamén se construirán 2 novos sendeiros. Un de 2,5 m que irá dende a marxe dereita ata o río Cabrón, enlazando coa senda e o carril bici procedentes da AC-524. Outro terá 2 m e estará a carón do río. Ambos comunicaranse a través dunhas escaleiras realizadas con travesas de ferrocarril. A área será acondicionada mediante a plantación de árbores e céspede nos noiros, ademais do estendido de terra vexetal.

Reunión en Fomento

En xaneiro deste ano José Luis Martínez Sanjurjo desprazouse a Madrid onde mantivo unha xuntanza co director xeral de Estradas do Estado, Jorge Urrecho Corrales, no Ministerio de Fomento. Un encontro do que  xa destacara no seu día o “ alto nivel de entendemento e receptividade por parte do representante ministerial”. Non era a primeira vez que se falaba desta nova vía de comunicación cun alto mandatario. Foi no verán de 2015 cando o alcalde tivera ocasión de amosarllo persoalmente ao presidente do Goberno na súa visita a Ordes. Xa nese momento Mariano Rajoy manifestou o seu compromiso e implicación con este tema de maneira pública.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial