Os artigos publicados por Isaac Díaz Pardo nun só volume

0

Compostela, 7 de febreiro do 2019 – Esta semana presentouse en Compostela un libro que reúne os 514 artigos que Isaac Díaz Pardo publicou nos xornais galegos entre os anos 1963 e 2009

A maioría versan sobre temas de xustiza social, da restauración da dignidade dos vencidos na Guerra Civil e tamén amosan a preocupación de Isaac Díaz Pardo polo espolio dos nosos recursos naturais e culturais

O Consorcio de Santiago e Andavira Editora son os res`ponsables de O ollar clarividente, unha recompilación do filólogo Xosé Ramón Fandiño Veiga que reúne as colaboracións xornalísticas realizadas polo intelectual galeguista. Presentouse na Fundación Torrente Ballester coa presenza do impulsor da publicación, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do organismo interadministrativo, Juan Conde; xunto a Lucila Ventoso, directora de Andavira Editora.

Os artigos de Isaac Díaz Pardo (1920-2012) publicáronse no xornal A Nosa Terra de Buenos Aires e nos galegos Faro de Vigo, La Región, El Progreso, El Correo Gallego e, fundamentalmente, en La Voz de Galicia. Os do Faro de Vigo e El Progreso levaban todos o título xenérico de “Olladas dende o Atallo ao Camiño dos Mortos”. Nos de La Voz de Galicia o título da sección comezou sendo “Bloc de Notas”, pasou a ser “De sol a Sol”, desde 1993 “Crónicas Inconformistas de Fin de Século” e, co cambio de século -desde 2001- “Crónicas Inconformistas”.

Os artigos deste volume están ordenados de maneira cronolóxica, o que permite ver “a evolución do autor en canto á visión de certos temas, como vai descartando outros e como leva aos seus límites a súa escritura e a visión do mundo”.

Do total dos 514 artigos tan só 12 foron escritos en castelán. Os demais escribiunos en galego, “nun galego bastante ortodoxo -tal como indica Xosé Ramón Fandiño-, cun moderado arrecendo diferencialista e aberto aos empréstitos do portugués, pois unha tese defendida en moitas destas súas crónicas é que a lingua galega nos chegou por tradición oral e se converteu nunha lingua deturpada e perseguida polo castelán, que nos deixou este castrapo no que escribo”. O filólogo sinala, non obstante, que é “un galego gramaticalmente correcto e cun léxico moi puro, aprendido na súa infancia santiaguesa e do seu contacto con grandes mestres da Literatura galega como Castelao, Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Blanco Amor, Neira Vilas, Luís Seoane, Lorenzo Varela…”.

Fandiño explica que “o título desta colección de artigos está inspirado na ilustración da tapa do libro: eses ollos grandes, decote presentes nos cadros e deseños de Isaac, que nos miran interrogantes na procura dunha explicación que nós non temos. Son eses ollos de Isaac que o ven todo e que non deixaron nunca de escrutar a cara oculta das apariencias que nos rodean. Eses ollos que non son ollos porque os vexamos, senón que son ollos porque nos ven”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial