Boqueixón, 18 de xuño do 2018 – O Pico Sacro foi por segundo ano o escenario da lendaria Cerimonia do Lume Sagrado.

As tribus celtas de Boqueixón e de Callobre uníronse para recoller o Lume sagrado do sol e celebrar así a chegada do solsticio de verán. O lume quedou acollido na capela do San Sebastián ata que o venres sexa trasladado a Compostela.

Preto de medio cento de persoas participaron nesta representación, incluída dentro do programa Un mes e Pico. Ciclo da Mitoloxía e Sacralidade do Pico Sacro que está a desenvolver o Concello de Boqueixón e que finalizará o próximo 29 de xuño. Tras celebrar a cerimonia, o concelleiro de Turismo boqueixonés, Alejandro Bermúdez, e mais o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, deron a benvida a todas as persoas que participaron e asistiron a esta posta en escena, que contou coa colaboración da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre (A Estrada).

A representación do ritual celta comezou co encontro das tropas na entrada ao cumio do Pico Sacro. Encabezados pola Raíña Alda, a máis fermosa, e polo Druída, continuaron xuntos o seu desfile ata a Capela de San Sebastián. Diante da ermida do Pico Sacro, o Druída utilizou o seu bastón para concentrar a luz solar na ramaxe e acender o Lume Sagrado, as chamas purificadoras nas verbas da Raíña Alda.

Estas chamas serviron para acender candeas que se colocaron dentro da ermida. Todas aquelas persoas que queiran poderán utilizalas para levar cadanseu Lume Sagrado e acender, deste xeito, as cacharelas de San Xoán, xa que estará custodiado na Capela de San Sebastián ata o 23 de xuño.

Ofrenda do Lume Sagrado, o 22 en Compostela

Na súa intervención, Alejandro Bermúdez agradeceu a participación nesta actividade, ao tempo que emprazou aos presentes a acudir a Compostela para asistiren á Ofrenda do Lume Sagrado. Esta representación desenvolverase o próximo venres 22 de maio a partires das 22.00 horas.

As tribus celtas de Boqueixón e Callobre reuniranse na Carballeira de Santa Susana (na Alameda compostelá) para despois iluminar cos seus fachos as rúas da zona monumental santiaguesa. O percorrido finalizará na Praza de Mazarelos onde culminará esta Ofrenda do Lume Sagrado da man da Raíña Alda e do Druída.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial