Os hostaleiros de Compostela en contra das modificacións na normativa de terrazas

0

Compostela, 17 de xullo do 2018 – Despois de que o concelleiro Jorge Duarte anunciara unha modificación do regulamento de terrazas, os empresarios do sector veñen de manifestar a súa oposición e malestar polo xeito en que se fixo e se anunciou.

Medio cento de hostaleiros composteláns asistiron á unha reunión convocada pola Asociación Hostalería Compostela para tratar as modificacións da Ordenanza reguladora das terrazas e quioscos de hostalería. Os hostaleiros amosaron a súa desconformidade por como tomou esta decisión o Goberno local, sen ter en conta a súa opinión e anunciándoa nun momento de temporada alta no que o sector está moi implicado no seu traballo. Lamentan que existindo unha Mesa de Diálogo para tratar este tipo de temas en profundidade, non foi convocada para este fin. Sen embargo na rolda de prensa, na que se presentaron as modificacións, o concelleiro Jorge Duarte respondía a unha pregunta de Lindeiros asegurando que si se falara coas asociacións e que entendían a necesidade de dar seguridade xurídica a normativa

Unha das principais queixas é a restrición no espazo público que se pode ocupar e que non deberán ir máis aló da fachada do local ao que pertencen. En principio, esta norma non afectaría ás licenzas xa concedidas e que pola propia Ordenanza teñen renovación automática. Se ben, o sector despois de catro modificacións nos últimos dez anos, desconfía da aplicación dun novo texto máis restritivo xa cren que podería supor a eliminación de centos de prazas de terraza e, polo tanto, a perda de postos de traballo e riqueza da cidade.

Jorge Duarte explicara na presentación que os cambios nas normativas sempre poden provocar supostos agravios comparativos cos que teñen licenzas en vigor pero estas leis nunca poden ter carácter retroactivo

O mesmo ocorre co prazo das autorizacións das terrazas con pechamentos estables, que pasa de 10 a 4 anos non prorrogables, atendendo á Lei de Patrimonio. O sector esixe que este criterio só se aplique nas zonas afectadas por dita Lei, algo que non está recollido na nova Ordenanza.

Como punto positivo, a nova Ordenanza si que recolle a petición feita por Hostalería Compostela de permitir que os hostaleiros conten con media hora para limpar e recoller as terrazas cando remata o seu horario de apertura.

A Xunta Directiva tamén informou de que o Concello aprobou unha instrución interpretativa na que resolve outro das demandas do sector: que as mesas das terrazas se poidan distribuír do xeito que se precise dentro do espazo concedido.

Abriuse despois un tempo de diálogo cos asistentes do que se aprobaron varias conclusións:

– Solicitar ao Concello a recuperación da Mesa de Diálogo coa Hostalería para tratar todos estes asuntos que afecten ao sector.

– Solicitar a flexibilización dos módulos que se outorgan nas licenzas das terrazas, de xeito que, respectando a estética que se estableza, se poidan elixir cuestións como o tamaño das mesas.

– Adaptar o horario e servizo de recollida do lixo nas zonas onde haxa terrazas.

– Manter o texto da Ordenanza aprobada no 2012 no Artigo 16 Punto 5 relativo ás modalidades de ocupación.

– Manifestar que as prazas de terraza supoñen unha demanda da propia cidadanía para o seu tempo de lecer e un atractivo turístico.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial