Os mundos de Carlos Casares remata o seu periplo en Arzúa

0

Arzúa, 7 de setembro do 2017 – En Arzúa péchase a itinerancia, polos concellos da Coruña, da exposición Os mundos de Carlos Casares que contou co apoio da Deputación.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, xunto co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o alcalde de Arzúa, José Luís García e o comisario e secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo A. Garrido participaron na presentación en Arzúa da exposición Os mundos de Carlos Casares, que percorre a traxectoria vital e literaria do escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

“A exposición convida a que todo o público coñeza a figura poliédrica de Carlos Casares cun formato atractivo para a mocidade nun ano en que, ademais do Día das Letras Galegas se conmemora o cincuenta aniversario da publicación de Vento ferido, unha obra que ocupa un lugar de referencia na nosa historia literaria”, sinalou Goretti Sanmartín na súa intervención na que destacou as múltiples facetas de Carlos Casares, entre elas, a literaria, a xornalística, a política e a de defensor da nosa lingua. “A faceta literaria, xornalística, política, de activista cultural e político e persoa comprometida coa lingua conxúganse co seu ámbito persoal e privado nunha exposición que nos achega a ese Casares moderno e con capacidade para empatizar”, engadiu Goretti Sanmartín.

 Producida pola Fundación Carlos Casares, a exposición “Os mundos de Carlos Casares” ten como obxectivo presentar a vida e a obra do escritor ao que a Real Academia Galega decidiu dedicarlle este ano o Día das Letras Galegas.

 A mostra, comisariada por Gustavo Garrido e Chus Martínez, conta cun deseño expositivo modular a cargo do estudo de arquitectura Creus&Carrasco e recolle pezas e documentos que relatan o percurso persoal do escritor ademais de pezas audiovisuais elaboradas por Andrea Vázquez e Damián Varela.

 Na presentación, Gustavo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares agradeceu a colaboración institucional á hora de apoiar a iniciativa que contou co patrocinio das catro deputacións ademais da Xunta de Galicia e o concello de Xinzo de Limia, que será o último destino da exposición, xa de xeito permanente. Nese sentido tamén se manifestou o secretario Xeral de Cultura, Anxo Lourenzo e o alcalde de Arzúa, José Luís García que agradeceu o compromiso para que esta exposición se abra na Casa da Cultura do concello.

 A través de cinco espazos, a mostra permite coñecer as distintas etapas e facetas de Carlos Casares, desde a súa rica produción literaria, á faceta xornalística ou de dinamización cultural e traxectoria política e institucional. “A cartografía resultante devolve unha imaxe que aspira ser completada polo público; unha viaxe de ida e volta, circular, que nos permitirá revisitar a escena cultural galega nas cinco últimas décadas, recuperando unha visión do escritor e dos seus lugares, que aspira conectar coas xeracións máis novas”, sinalan Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez, que se encargaron do comisariado da mostra producida pola Fundación Carlos Casares.

 A exposición inicia o percorrido co espazo “Paisaxes” que mostra os primeiros anos en Xinzo, os lugares da infancia e a primeira relación coa ambiente cultural con figuras como Antón Tovar, Vicente Risco ou Xaime Quesada, continúa con “Luzadas” presentando a etapa universitaria do escritor en Santiago de Compostela, co contacto con Ramón Piñeiro e os seus inicios como profesor, sigue con “A Viaxe”, en que se narra a relación con Kristina Berg e as viaxes a Europa ademais dos inicios no xornalismo e a entrada na Real Academia Galega para adentrarse logo no seu compromiso político no Parlamento Galego, a súa faceta de editor e mediador cultural para, finalmente, concluír coa súa última etapa como un novelista consolidado e presidente do Consello da Cultura Galega.

 Lembranza de Mingos da Pita

 Goretti Sanmartín quixo comezar a súa intervención lembrando a figura de Domingos Fuciño, Mingos da Pita, dinamizador cultural na comarca e promotor do Museo Terra de Melide que ía ser enterrado nesta mesma tarde. Trasladou o seu pesar á familia e amizades e destacou o relevante papel que Mingos da Pita tivera na promoción da cultura tradicional e a dinamización cultural en especial no veciño concello de Melide.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies