займ срочно

Os promotores do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia constituiranse como agrupación de municipios

0

Bisbarra, 25 de maio do 2018 – Os promotores do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia acordaron constituírse como agrupación de municipios para iniciar así o antes posible os traballos de delimitación do trazado e a recompilación de toda a documentación histórica desta ruta Xacobea.

Os concellos acordaron traballar na elaboración dunha programación conxunta anual con actividades relacionadas coa promoción do novo trazado pola Ría de Muros-Noia. O próximo encontro terá lugar o mércores 27 de xuño.

A decisión naceu na reunión mantida por responsables dos nove municipios que promoven este trazado (Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago) , así como representantes do tecido empresarial, turístico e cultural de estes concellos. Un encontro no que xustificaron a súa ausencia as representacións de Brión e Muros, e á que asistiu por primeira vez un representante de Santiago, o concelleiro Jorge Duarte, quen coincidiu con todos os presentes na fórmula da agrupación de municipios “porque hai que empezar a traballar canto antes”. Deste xeito cumpriuse un dos obxectivos marcados na reunión anterior: conseguir a implicación do Concello de Compostela na iniciativa.

Tal e como se acordara tamén na reunión de abril, a alcaldesa de Lousame e coordinadora desta iniciativa, Teresa Villaverde, explicou que mantivo un encontro coa Dirección Xeral de Patrimonio de cara a consensuar o inicio dos traballos de delimitación do trazado do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia. “Hai que facer unha proposta do trazado a delimitar e protexer e hai que elaborar un estudo completo de por onde discorre o Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia”, explicou Villaverde Pais.

Camiño cultural, primeiro paso

Todos os presentes coincidiron en sinalar que dispoñen de diversa documentación histórica que avanzaría os traballos, en especial dende a Asociación Turístico Comarcal Ría de Muros-Noia e dende a Asociación Amigos do Camiño Ría de Muros-Noia, que mesmo recompilaron documentación nalgúns dos Concellos que participan na iniciativa. De todos modos, os promotores da iniciativa acordaron constituírse como agrupación de municipios de cara a poder contratar a realización dos traballos esixidos por Patrimonio o antes posible e lograr así o recoñecemento do trazado como “ruta cultural”, para que así poida optar ás axudas públicas que se convocan para este fin. Un paso previo á oficialización da ruta como trazado Xacobeo.

Tamén coincidiron na necesidade de seguir avanzando na creación dunha asociación de concellos, na que tamén estea representado o tecido asociativo da zona, pero conscientes de que é unha fórmula que levará máis tempo, xa que é preciso a aprobación duns estatutos tanto polos concellos membros como pola Administración Autonómica. De feito, nesta reunión presentouse unha primeira proposta de estatutos, que será analizado polos técnicos de cada municipio co obxectivo de traelos informados para a próxima reunión do mes de xuño.

Acción cultural

Finalmente acordouse tamén facer unha programación anual conxunta de actividades relacionadas co Camiño. O obxectivo é que cada municipio presente cando menos unha proposta para así achegar a todos os veciños e veciñas a importancia do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia e as potencialidades que suporía para os nove municipios a oficialización do trazado Xacobeo, coa afluencia de peregrinos que implicaría. Unha programación que comezará cun acto importante a nivel galego durante este mesmo verán e que se concretará en vindeiras reunións.

Na reunión celebrada no salón de plenos de Lousame estiveron presentes a alcaldesa do concello, Teresa Villaverde; e do de Outes, Beatriz Molinos; así como o alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens. Tamén asistiron o concelleiro de mobilidade de Santiago, Jorge Duarte; a concelleira de Turismo de Ames, María Isabel González; os concelleiros de Turismo de Porto do Son, José Manuel Deán; e Noia, José Pérez; así como a técnica de Turismo de Ames, Sonia Moure. Así mesmo, asistiron Manuel Lema, presidente da Asociación Turístico Comarcal Ría de Muros-Noia; Francisco Pérez, presidente da asociación de empresarios Noia Histórica; e Sol Agra, membro da Asociación Amigos do Camiño Ría de Muros-.Noia.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies