Os Reis Magos pasaron pola bisbarra

0

Bisbarra, 6 de xaneiro do 2018 – Un ano máis os Reis Magos pasaron pola bisbarra deixando ilusións, agasallos e, probablemente, algo de carbón que sempre hai a quen lle fai falla.

As cabalgatas percorreron os concellos, en algúns polos centros urbáns pero en outros achegáronse tamén as distintas parroquias e visitaron o rural.

En Ames os Reis achegáronse ás Oficinas municipais do Milladoiro e á Casa do Concello de Bertamiráns para deixar a súa firma no libro municipal de sinaturas. Posteriormente, recorreron as rúas das dúas localidades nun vehículo antigo e acompañados dos seus paxes e heraldos. A súa chegada aos pavillóns municipais estivo marcada polo entusiasmo dos cativos, que puideron disfrutar de tres espectáculos de aros, aéreo e de pompas. Nos 90 minutos que durou o recibimento real repartíronse 204 quilos de caramelos sen glute, así como chocolate con rosca para merendar. Os Reis Magos tamén entregaron os premios do concurso de Cartas de Nadal.

Cerca de mil persoas achegáronse ao polideportivo municipal de Pedrouzos, en Brión para gozaren do gran Festival de Reis do Concello. Un Belén Vivente con distintos animais (vacas, burros, ovellas, cabras…) e a música da Charanga Os Celtas de Negreira combinouse cunha representación de artesáns e oficios tradicionais nunha tarde chea de ilusión e agasallos. O alcalde de Brión, José Luís García, foi o encargado de darlles a benvida aos tres Magos, agardando que os cativos do Concello vexan cumpridos se non todos, grande parte dos seus desexos.

As rúas de Compostela acolleron a tradicional Cabalgata de Reis, que este ano tivo como eixo temático “A maxia das lendas”. Melchor, Gaspar e Baltasar chegaron desta vez acompañados de trasgos, fadas e mouras, enchendo de ilusión esta noite máxica para nenos e nenas. Como é habitual, os Reis Magos chegaron a Santiago en tren. Dende a Estación de Ferrocarril, onde as súas Maxestades foron recibidas por músicos e paxes, a comitiva real, integrada por unhas 450 persoas, percorreu as rúas de Compostela ata chegar á praza do Obradoiro. Xunto aos Reis desfilaron personaxes de contos e lendas como a Maruxaina, a cerva Aldara, os nubeiros, as avelaíñas, os biosbardos, as fadas, as mouras ou os faunos. Os pequenos e pequenas viron mares cheos de peixes e fragas encantadas, paisaxes que axudaron a recrear unha estética marabillosa chea de luz e cor, que se foi intercalando coas maxestosas carrozas reais.

Cerca de catrocentas persoas participaron no Festival de Reis do Concello de Lousame. A festa incluíu tres inchables, dous deles para nenos e nenas de curta idade e un terceiro de escalada e tobogán; un xiraloco, no que os pequenos competían por parellas; e un circuíto de coches a pedais. Ademais, durante toda a xornada estivo operativo un posto de flocos de millo de balde. A chegada dos Reis retrasouse media hora xa que antes pasaron polo centro de maiores do concello.

En Melide os Reis percorreron as rúas da vila rodeados de zancudos e pallasos que acompañaron as carrozas ata a Igrexa municipal onde fixeron a ofrenda antes de atender aos cativos da vila e as súas peticións.

Milleiros de persoas acompañaron esta tarde a Melchor, Gaspar e Baltasar na cabalgata que percorreu a avenida Alfonso Senra, en pleno corazón da vila de Ordes. Ao longo de todo o traxecto non deixaron de repartir caramelos e doces tanto a nenos e nenas como a persoas adultas (aptos para celíacas). Pastorciños, personaxes de conto e fantasía, grupos de gaitas, paxes e unha gran locomotora formaron parte dunha comitiva que completou o percorrido ata chegar ao Concello.

En Oroso foron cerca de dúas mil persoas as que disfrutaron da Cabalgata integrada por máis de 120 persoas. Ía aberta por oito cabalos do Club Hípico Amazonas e Cabaleiros de Oroso, á que lle seguían as carruaxes dos centros educativos e as tres carrozas que transportaban os pastores, todos eles estudantes dos colexios de Oroso que repartiron milleiros de caramelos ao longo de todo o percorrido. Finalmente, a carroza desde a que os Reis Magos saudaron a todo o público. 

Son só algunhas das cabalgatas da bisbarra de Compostela. Cada ano faise máis difícil decidir a que concello acude un porque cada ano son mellores e visitar a bisbarra é un xeito de afastarse das multitudes da capital e coñecer de paso o entorno no que vivimos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial