Os traballos da Berberecheira de Chévere en Teo na fin de semana

0

Teo, 14 de febreiro do 2019 – O Auditorio Constante Liste de A Ramallosa (Teo) acolle esta fin de semana unha mostra conxunta de Goldi Libre, Salvador e Anatomía dunha serea, os tres espectáculos creados ata o momento dentro da Berberecheira, o laboratorio de creación de Chévere.

Ademais, para documentar os traballos realizados ata o momento, Chévere vén de editar o libro Berberecheira, que reúne os textos dos tres espectáculos xunto cunha serie de materiais fotográficos e escritos. O obxectivo deste volume é recoller o proceso de creación das obras e deixar así un rexistro escrito dunha arte efémera como é o teatro.

Anatomía dunha serea (15 de febreiro ás 21.00 h.) é unha peza de teatro documental e autobiográfica construída sobre a memoria e a experiencia persoal da actriz Iria Pinheiro como muller, como nai e como vítima da violencia obstétrica. Anatomía dunha serea fala das condicións en que se dá a vida na sociedade actual, de como concibimos a maternidade nun mundo dominado pola lóxica do beneficio económico, de como asumimos a violencia contra as mulleres dentro dun hospital ou dunha sala de partos. Fala de violencia de xénero en lugares insospeitados. Poderase ver o día 15 de febreiro no primeiro espectáculo de Iria despois de recibir o Maruxa Villanueva de Teatro.

Salvador (16 de febreiro ás 21.00 h.) é un espectáculo a medio camiño entre o documental e a ficción teatral na que se combinan texto, movemento, música en directo e proxeccións de vídeo. Salvador trata sobre os movementos migratorios, as desaparicións e os reencontros. Centra o seu interese nos casos de homes casados que emigraron sós a mediados do século pasado a Suramérica e no impacto da súa ausencia na configuración das comunidades locais, das familias e dos seus descendentes.

Goldi Libre: autorretrato dun insubmiso preso nos cárceres de Felipe González (17 de febreiro ás 18.00 h) é un traballo de teatro documento sobre o movemento de insubmisión dos anos 80-90 do século XX en España, sobre as persoas que formaron parte do mesmo e sobre a súa exitosa estratexia de desobediencia e confrontación non violenta co aparato do Estado. Está feito a partir da memoria, a experiencia persoal e o testemuño de César Goldi, veciño de Teo e actor que en 1993 foi xulgado e condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria.

As entradas están xa dispoñibles no noso web e tamén en: A Santa Sede (A Ramallosa), A Senra (Pontevea), A Capilla (Calo) e Panificadora San José (Cacheiras). O prezo, en todos os casos, é de 8 euros. Por outra banda, o libro estará á venda no teatro os tres días da mostra, a un prezo de dez euros.

Sobre a Berberecheira

A Berberecheira é un laboratorio de creación escénica promovido e xestionado polo grupo Chévere que forma parte do plan de residencia desenvolvido no Concello de Teo.

A Berberecheira usa a estrutura, os medios, o coñecemento, a experiencia e a proxección de Chévere para apoiar proxectos de creación innovadores que desbordan o núcleo estable do grupo e ampliar así as voces e as poéticas vinculadas ao percorrido artístico de Chévere.

A Berberecheira, que toma o seu nome dun banco marisqueiro situado na praia de Carnota, naceu no 2015 e dende entón centrou o seu interese en proxectos escénicos que documentan experiencias e historias persoais, contadas en primeira persoa e conectadas con acontecementos colectivos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial