Otorgados os premios do xurado no Concurso de Escaparates de Nadal de Ames

0

Ames, 22 de decembro do 2018 – Este venres, 21 de decembro, reuniuse o xurado para elixir os establecementos comerciais premiados no XIII Concurso de Escaparates de Nadal 2018, organizado polo concello de Ames.

No concurso participaron un total de 46 comercios de Bertamiráns e Milladoiro. O xurado reunido este venres decidiu dar o primeiro premio a Kierete Peluquería do Milladoiro, situada na rúa Estivada de Castelao. O segundo premio foi para El Patio de Mi Casa Perfumes, tamén do Milladoiro e situada na rúa Curuxa. Para rematar o terceiro premio levouno Antela Viaxes, de Bertamiráns, situada na praza do Concello.

O premio está dotado de 1.000 euros, o segundo premio é de 700 euros e o terceiro premio dispón de 400 euros. O xurado estivo formado por un membro de cada unha das asociacións de comerciantes e profesionais que están funcionando actualmente no concello. Pablo Suárez asistiu en representación da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Bertamiráns; María Reyes Cancela participou en representación da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar; Salomé Blanco formou parte do xurado en representación da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro; e Félix Caramés en representación da Unión de Consumidores de Galicia.O xurado contou co asesoramento técnico da profesional, Antonia Pinto Veloso. Os técnicos municipais, Jorge Couñago e Sonia Moure, actuaron como secretarios.

Kierete Peluquería levou o 1º premio

Premio Especial do Público

Na segunda fase do Concurso de Escaparates elixirase o Premio Especial do Público. Para realizar as votacións deste premio entregáronse 150 boletos a cada establecemento inscrito, para que sexan distribuídos entre a súa clientela. Os boletos coas votacións deberán ser entregados con todos os datos cubertos e asinados no espazo correspondente, depositaranse nas urnas colocadas para elo na Casa da Cultura e na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Casa da Cultura e na Biblioteca, no Milladoiro, ata o 7 de xaneiro de 2019. No caso de que algún boleto presente algún campo baleiro, será considerado nulo.

El Patio de mi casa acadou o 2º Premio

Antela Viaxes foi o que conseguiu o 3º Premio

Ademais, só serán contabilizados un número máximo de 10 votos por persoa, e non está permitido o voto de ningún titular ou cotitular dos establecementos participantes. As clientas e clientes que emitan, polo menos un voto, participarán no sorteo dun talón por importe de 300 euros, para realizar compras nos establecementos comerciais de Ames. Sortearanse un total de tres talóns bancarios, todos eles de un importe de 300 euros cada un.

 O sorteo terá lugar unha vez rematado o período de Nadal, o mesmo día en que se realice o reconto dos votos do público. Para escoller ás persoas gañadoras, extraeranse tres boletos ao azar. Do mesmo xeito, tamén se retirarán outros seis boletos, que serán asignados ás persoas suplentes na mesma orde en que foron retirados da urna. O nome das persoas gañadoras dos cheques, así como o das suplentes, darase a coñecer o mesmo día que os nomes dos establecementos máis votados polo público.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial