O Outono Códax Festival mais rocker

0

Compostela, 11 de setembro do 2019 – A novena edición do  Outono Codax Festival era presentado este martes coa vista posta no décimo aniversario.

María Garrido (Bodegas Martín Códax); Martín Calviño e Javier Freire (organización do festival) mencionaron en distintos momentos a dificultade de facer algo especial para o décimo aniversario cos fitos que nos últimos anos foron conseguindo. En esta edición a apertura e o peche será de dúas mulleres recoñecidas a nivel mundial; Kim Lenz, considerada a raíña do rockabilly e Nikki Lane, a nova dama da denominada música americana.

 

Pero este Outono tamén terá a bandas de primeiro nivel aínda que menos coñecidas por estes lares. Os franco belgas The Rhum Runners, o americano Andrew Combs, ou o bluesman The Reverend Shawn Amos serán concertos para non perderse.

A parte nacional e galega, seccións clásicas da programación, estará cuberta por grupos como Los Toronto, Helen and Shana e os composteláns The Fabulous Resaca Brothers.

 

Cinco citas

O festival galego de música negra, un ano máis baixo o patrocinio de Martín Códax e coa colaboración de Pousadas de Compostela, terá cinco citas en Santiago de Compostela (15 e 19 de outubro; 9 e 29 de novembro, e 1 de decembro), nas que volve xuntar os sons máis selectos do rhythm&blues, o soul e o rock´n roll clásico.

Exceptuando ás bandas galegas, nesta edición 2019, que terá como é habitual sede principal na Sala Capitol, á que se suman tamén o Riquela Club e este ano o Flamingo, o cartel será integramente inédito en Galicia, reafirmando unha vez máis o compromiso do Outono Códax

por facilitar o acceso dos fans do xénero aos directos de artistas de renome que dificilmente chegan aos escenarios galegos e que, como é o caso, ata o de agora non actuaron na nosa comunidade.

novena edición do  Outono Codax FestivalExposición e charlas

Como vén sendo habitual dende os seus inicios, o festival completará a súa proposta musical con distintas actividades paralelas, polo que nesta novena edición inclúe na súa programación un miniciclo de charlas -coloquio que se abrirá o sábado, 19 de outubro (11,30 h, Riquela Club) con tres dos grandes espadas da xornalismo musical en España: Toni Castarnado (MondoSonoro, Ruta 66, El País, Cadena Ser), Alfonso Cardenal (director de “Sofá Sonoro”, Cadena Ser) e Fernando Navarro (responsable de Música no diario El País). Os tres críticos abordarán a evolución dos xéneros soul e rockabilly nunha mesa denominada “Soul e rockabilly: da cruzada dos anos 50 ao rexurdir do século XXI”.

Ao remate do debate celebrarase unha das sesións out do festival (pequenos concertos gratuítos cos que o Outono Códax quere obsequiar ao seu público), neste caso protagonizada por Midnight Boozers, nova banda residente do Riquela, con repertorio de rock´n roll e soul clásicos.

Coincidindo con este primeiro coloquio, abrirase no mesmo espazo a expo “Sanmasville: rarezas e misceláneas de DJ Sanma”, na que se recolle parte da colección persoal de rarezas que o DJ galego leva coleccionando dende a súa infancia e que inclúe curiosas e valiosas pezas de música, cine, fotografía, deseño gráfico e arte da cultura underground americana dos 60. A mostra permanecerá aberta no propio Riquela Club ate o 25 de outubro.

O sábado 9 de novembro (11,30 h, tamén no Riquela) celebrarase unha segunda charla coloquio,neste caso co músico e historiador compostelán Alfonso Espiño, quen repasará co público asistente a historia da música moderna en Compostela. Espiño realizou unha extensa investigación ao respecto na súa tese universitaria “Beat, pop e rock en Santiago de Compostela (1954-1978)”, traballo co que recibiu a máxima cualificación da USC (sobresaínte cum laude) e que permite obter unha completa cronoloxía da música moderna na capital galega. Ao remate da charla, o propio Espiño ofrecerá tamén en sesión vermú outra das out do festival, na que interpretará algúns temas nos que, como é habitual no músico galego, destilará o seu exquisito gusto polo pop anglosaxón clásico e atemporal.

novena edición do  Outono Codax FestivalÁ mostra e aos coloquios uniranse como en cada edición as xa tradicionais allnighters do Outono Códax, “pinchadas” ao final de cada concerto con algúns dos DJ máis coñecidos do xénero.

Abonos e entradas

O Outono Códax 2019 manterá os prezos da súa anterior edición, cun custe para as entradas individuais de 20 euros (+gastos) en venda anticipada e 24 euros en taquilla (no caso dos tres concertos na Sala Capitol; os de formato de proximidade no Riquela e no Flamingo serán de acceso libre, ate esgotar aforo) e un bono a 40 euros para os tres concertos da Capitol (+gastos, en venda anticipada durante o mes de setembro) e a 48 euros (+gastos, a partir do 1 de outubro).

O público interesado en adquirir as súas entradas e bonos en venda anticipada poderá facelo xa en: A Reixa Tenda-Matrioska (Santiago), Honky Tonk e Discos Elepé (Vigo), Rockbox (A Coruña), Peggy Records (Ourense) e a través das plataformas electrónicas www.ataquilla.com e www.salacapitol.com (os menores de idade poderán acceder ao ciclo acompañados dunha persoa adulta).

De igual xeito, e como nas súas anteriores edicións, o Outono Códax porá en circulación o denominado “Rock´nporte”, un “pasaporte” directo e gratuíto aos concertos para aquelas persoas que realicen consumicións ou compras nos case 100 establecementos hostaleiros e comerciais que colaboran co festival.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial