займ срочно

O Outono Códax Festival inaugura unha mostra de Roberto Argüelles

0

Compostela, 2 de novembro do 2018 – Dentro das actividades do Outono Códax Festival esta tarde inaugúrase a mostra gráfica de Roberto Argüelles na tenda A Reixa Matriosca, na rúa do Hórreo.

A exposición TRASH recolle unha selección da obra do debuxante e deseñador vigués Roberto Argüelles. Como é habitual en cada edición, o  Outono Códax Festival completa a súa proposta musical con distintas actividades paralelas polo que, fiel á súa filosofía, nesta VIII edición e da man de La Fiambrera Art Gallery, inclúe na súa programación a mostra do creador galego.

Argüelles (Vigo, 1972) quixo titular a mostra como TRASH (palabra anglosaxona que significa literalmente “lixo”) en referencia ao que se entende no ámbito artístico como todo o que ten que ver co underground, a contestación social e política, o “feo” ou de “mal gusto” ou as artes consideradas menores como a banda deseñada, a televisión, o cine de serie B, o cabaré ou os debuxos animados; en definitiva, todo un universo de produtos e “actitudes” que quedan fóra das esferas consideradas máis elevadas da arte e a cultura.

E é precisamente neste underground no que sempre se moveu o creador galego, tal e como así reflicte o seu traballo, tanto como deseñador gráfico como na súa obra artística. Así pois, a exposición recolle un conxunto de pezas, fundamentalmente acrílicos e serigrafías, nas que Argüelles mostra todas as súas filias e influencias estéticas, así como algunhas das súas iconas favoritas. Deste xeito, a mostra evoca aos debuxos de Tex Avery e Hanna-Barbera; aos cómics clásicos de Marvel dos mestres Stan Lee e John Romita; á ciencia ficción xaponesa dos anos 60 (Ultraman, Godzilla,…); aos monstros hot-rod saídos do lapis de Ed “Big Daddy” Roth; ás pin-ups e as bailarinas de burlesque; á loita libre mexicana de El Santo e compañía; á arte tiki; ás portadas das novelas de detectives dos anos 50 e, por suposto, ao rock&roll e o punk.

Roberto Argüelles formouse academicamente en deseño gráfico mentres compaxinaba a súa andaina como debuxante en distintos fanzines. Máis adiante comezou a realizar traballos para diferentes editoriais como ilustrador profesional e logo xa como parte de diferentes estudos de deseño gráfico. Os seus traballos máis coñecidos son os relacionados coa música independente: carteis para festivais e concertos de artistas españoles e internacionais, portadas de discos e mesmo logotipos. Hai uns anos iniciou o seu propio proxecto como autor. Sempre moi ligado á escena musical, pero desenvolvendo todo tipo de encargos dentro da creación gráfica e a ilustración.

Foi a mediados de 2015 cando comezou a traballar coa galería La Fiambrera de Madrid realizando obra propia e, agora, chega a Santiago cunha selección desa obra nunha mostra que será inaugurada, coa presenza do propio autor, ás oito de esta tarde, en A Reixa-Matrioska Tenda (rúa do Hórreo, 46), onde permanecerá aberta ao público de balde ate o vindeiro 30 de novembro.

Antesala da próxima gran cita co festival galego de música negra

A apertura desta exposición servirá de antesala á próxima gran cita co festival galego de música negra a seguinte fin de semana, cando o venres, 9 de novembro, aterre en Compostela Luke Winslow King e ao día seguinte (sábado, 10), o fagan Marta Ren e Marem Ladson.

Deste xeito, Winslow King (considerada unha das voces máis autorizadas dos novos tradicionalistas do son Nova Orleans) ofrecerá un dos concertos íntimos do Outono Códax o venres na Sala Riquela, mentres que Marta Ren (unha das frontwoman máis destacadas do actual panorama soul europeo) e Marem Ladson (a galega que está abraiando co seu incrible disco de debut homónimo) encherán o sábado a Sala Capitol con sons de tanta calidade como alto voltaxe.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies