A obra do poeta romano Ovidio na USC para conmemorar o bimilenario do seu pasamento

0

Compostela, 6 de maio do 2017 –  O Colexio de Fonseca acubillará do 8 de maio ata o 30 de xuño unha exposición que mostrará a través das imaxes dos libros ilustrados a gran repercusión da obra mitolóxica do poeta romano Publio Ovidio Nasón, de cuxa morte se celebra este ano o bimilenario.

‘Ovidius vivit!: mitos, imaxes e libros. A obra ilustrada de Ovidio nas bibliotecas de Galicia’ abrirá ao público este luns 8 ás 20.00 horas cunha presentación á comunidade académica por parte da súa comisaria, a profesora da USC Fátima Díaz Platas. A inauguración oficial terá lugar uns días máis tarde, o 15 de maio ás 19.30 horas, e a ela asistirán ademais o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez.

As numerosas edicións ilustradas da produción literaria do poeta poden atoparse no patrimonio bibliográfico de Galicia, de cuxas bibliotecas (catorce, en concreto) proceden os 68 exemplares ilustrados das distintas obras de Ovidio que se expoñen. Deste xeito, explica a comisaria, esta mostra pretende ademais poñer de manifesto un patrimonio descoñecido “e ás veces desatendido que encerra aspectos inéditos dos centros culturais da nosa comunidade autónoma”.

A exposición estrutúrase en tres ámbitos: un primeiro que presenta a vida, obra e imaxe do poeta; un segundo dedicado a facer un percorrido pola historia da edición ilustrada do poema das Metamorfoses; e un terceiro, no espazo da Capela, centrado exclusivamente na iconografía desta obra.

‘Ovidius vivit!’ é unha produción da Área de Cultura da USC coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Poderá visitarse de luns a sábado de 11.00 a 14:00 e de 17.30 a 20.30 horas.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies