Pablo Lago tomou posesión como novo alcalde de Brión

0

Brión, 21 de setembro do 2020 – O socialista Pablo Lago Sanmartín foi elixido alcalde de Brión polo Pleno municipal, o segundo que coñece o municipio despois dos 41 anos de goberno de José Luís García.

Pablo Lago tomou posesión como alcalde grazas aos 7 votos do grupo municipal socialista e as 5 abstencións dos grupos municipais do PP e do BNG. Nunha actitude moi elegante e recoñecida polo propio alcalde, tanto PP como BNG renunciaron a presentar a súa candidatura nin tampouco fixeron uso da palabra, cedéndolle todo o protagonismo ao novo primeiro edil de Brión. Tras recibir o bastón de mando da man da concelleira de maior idade, a socialista Rosa Romero, Pablo Lago fixo un breve discurso de agradecemento ao seu predecesor, José Luís García, aos distintos grupos municipais e aos traballadores e traballadoras do Concello.

Pablo Lago tomou posesión como novo alcalde de BriónPablo Lago comezou dándolle as grazas José Luís García, “a quen teño a honra de suceder neste posto. Notade que digo suceder e non substituír, xa que penso que o traballo que fixo José Luís por Brión e polos seus veciños e veciñas durante os últimos 41 anos é insubstituíble e non ten comparación posible”. Neste sentido, comprometeuse a “poñer todo o meu esforzo e traballo polo ben de toda a xente de Brión. Unha tarefa na que sei que seguirei contando coa túa experiencia e colaboración”.

Oferta de diálogo

Acto seguido, tendeu a man a todos os grupos municipais: “eu quero ser o alcalde de todos e cada un dos veciños e veciñas de Brión. Dos que nos deron o seu apoio nas últimas eleccións, pero tamén dos que se decantaron por outra lista ou que non foron votar. Por iso, dende hoxe mesmo fago un sincero chamamento ao diálogo a todos os grupos municipais para seguir traballando polo ben de Brión”.

Lago Sanmartín agradeceu “o bo talante e a colaboración” que “tanto o BNG como o Partido Popular tendes amosado en moitas ocasións. Este equipo de Goberno seguirá aberto ao diálogo e, tamén hai que dicilo, á crítica construtiva. É o tempo de sumar, non de restar. E creo que consensos como os que temos logrado, son o exemplo a seguir”.

Así mesmo, destacou o apoio dos concelleiros e concelleiras do PSOE porque “sen vós sería imposible sacar isto adiante. Sei que sodes xente honrada, preparada, traballadora e, por riba de todo, boas persoas. Coñezo a vosa implicación e as vosas gañas de traballar por esta terra. Conto con todos e cada un de vós. Xuntos seguiremos facendo moitas cousas boas pola veciñanza de Brión”.

Finalmente, Lago Sanmartín dirixiuse aos traballadores e traballadoras do Concello. “Son consciente de que conto cun fantástico grupo de profesionais, que tendes demostrado o voso compromiso con Brión en moitas ocasións. Pero o que fixestes polos veciños e veciñas durante estes meses de confinamento e desescalada é digno de aplaudir. Foi un exemplo de esforzo, traballo e entrega para conseguir que ningunha familia de Brión puidera quedar desatendida. Por iso, no seu nome, grazas”, apuntou.

Nova concelleira

Previamente, o pleno municipal aprobou a acta da sesión anterior e procedeu á toma de posesión da nova concelleira do grupo municipal socialista, Mari Carmen Touceda, quen substitúe a José Luís García.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial