Padrón acolle a entrega de premios de ‘Lingua de Namorar’

0

Padrón, 28 de marzo do 2019 – Tal e como estableceron as bases da sétima edición do certame de declaracións de amor en galego na rede dirixido á mocidade Lingua de namorar, Padrón acolleu hoxe o acto de entrega de premios.

Na entrega dos galardóns Lingua de Namorar participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel; e o delegado territorial, Ovidio Rodeiro.

“Que mellor lugar para facer entrega dos premios da que xa é a oitava edición do certame Lingua de namorar ca esta Praza dedicada a Macías O Namorado, un poeta padronés que cantou o seu amor en galego, tal e como vós, premiados e premiadas, fixestes en pleno século XXI, aínda que usando un tipo de texto e un medio de transmisión diferente e adaptado aos novos tempos”, sinalou García Gómez na súa intervención, na que quixo recordar que “o obxectivo de Lingua de namorar, que vai máis aló ca un certame literario ao uso. Con esta iniciativa, as consellerías de Cultura e Turismo e de Política Social queremos animar as novas xeracións a continuar expresando en galego o que en galego sempre se expresou, os afectos; que os mozos e mozas empreguedes no voso día a día a que foi lingua de trobadores sabendo que é tamén un idioma do século XXI que serve para ser usado en cantos ámbitos e soportes, novos e vellos, se lle presenten”.

Pola súa banda, Cristina Pichel destacou que esta é “a edición das primeiras veces”, posto que é a primeira vez que resulta premiado un mozo de fóra de Galicia, que unha persoa repite galardón por segunda vez (Nee Barros) e, tamén, “é a primeira vez que tecemos sinerxías entre o talento da xuventude galega, posto que a persoa que musicou as mensaxes gañadoras, David Dealonso, foi 2º premio en Xuventude Crea 2018”, sinalou. “Isto demostra”, en palabras da directora xeral, “que os mozos e mozas galegas teñen talento, que se esforzan día a día e que están comprometidos co noso idioma”.

Seis premios e unha mención de honra entre case 600 participantes

Recolleron os seus premios, na categoría A, que englobaba as mensaxes de mozos e mozas que teñen entre 14 e 19 anos, Nee Barros (Marín, Pontevedra) coa mensaxe “Máis que choiva”; e o segundo e o terceiro premio, respectivamente, Irea Cendán (As Pontes, A Coruña), por “Conto contigo”, e Yago Rubio (Vega de Espinareda, León), por “Tan guapa”. Este último, alumno do IES leonés de Cacabelos, un dos 19 centros de ensino que participan no Programa de Promoción do Galego no Bierzo e en Sanabria que impulsan a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León.

Na categoría B, para mozos e mozas que contan entre 20 e 35 anos, recibiuno Navia Rivas (Boimorto, A Coruña) con “Este para min”. O segundo, Darío Rodríguez (Vigo, Pontevedra), por “Amor diglósico”, e o terceiro Cándido Paniagua (Xinzo de Limia, Ourense), por “A discusión: corazón vs. cabeza”. Nesta categoría recibiu tamén unha mención de honra do xurado María Inmaculada Rodríguez Marqués (Ribadeo, Lugo), por “Escoiteite”.

Estes seis gañadores e a mención de honra impuxéronse de entre os preto de 600 mozos e mozas que participaron na sétima edición de Lingua de namorar. Os textos gañadores e os premios concedidos poden verse na páxina web do concurso e no Portal da Lingua galega.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial