Padrón, á marxe de todo

0

Padrón, 24 de xaneiro do 2020 – O pleno sobre a non licitación de distintos contratos no concello de Padrón e os argumentos da fiscalía para arquivar unha denuncia presentada contra o equipo de goberno deixa moitas dúbidas sobre a xestión municipal da vila.

O pleno extraordinario, solicitado polos socialistas, tiña como finalidade saber porque o equipo de goberno de Padrón non foi capaz de licitar en 8 anos distintos contratos como o do lixo, a gardería municipal ou a xestión laboral do concello.

Cuestións que coinciden coa denuncia que, antes das eleccións, presentaba a formación Veciños de Padrón. Unha denuncia que motivou a renuncia a participar en ditas eleccións da formación, para “non mesturar política e xustiza”, e que ven de ser arquivada pola fiscalía.

O contrato de recollida do lixo como exemplo

Tal e como na solicitude de pleno explicaba o Psoe padronés, na última lexislatura aumentaron os reparos de intervención polo uso continúado de contratos menores en servizos que deberían ter sido licitados. O do lixo é un bo exemplo.

O contrato de residuos urbanos licitouse por 3 meses en outubro do 2012. cando rematou en xaneiro do 2013 a empresa seguiu prestando o servizo ata maio do 2017, catro anos máis dos previstos. A nova contratación é aínda máis curiosa por canto se fai por 23 días e polo tanto, para cubrir o mesmo período do contrato anterior (3 meses) páganse 21 días mais. Un contrato que segue prorrogándose de facto cada vez que rematan eses 23 días.

Estes dous contratos, o de 3 meses e o de 23 días, supuxeron para o concello un millón oitocentos mil euros estando asinados por un importe que non chega aos cen mil. Esta desviación é a que obrigaría a licitación e a que motiva os reparos constantes da intervención.

Resolución da alcaldía sobre a denuncia contra o alcalde de Padrón

Resolución da alcaldía sobre a denuncia contra o alcalde de Padrón

A Fiscalía o considera  un problema herdado

A fiscalía comunicaba a Veciños de Padrón este mesmo mes a resolución pola que arquivaba a denuncia. No pleno o alcalde, Antonio Fernández, explicaba que os motivos para o arquivo da causa eran que non existía indicio de delito pero a resolución di máis cousas, algunhas moi curiosas.

A denuncia presentada considera que hai un indicio de delito no fraccionamento de contratos en períodos de 23 días e nas prórrogas tácitas entre outras cuestións. Si o contrato se asinara simplemente polo mes completo superaría os 18.000 euros de tope para un contrato menor polo que tería que ser licitado. Ante esta argumentación a Fiscalía considera que “La mayoría de las situaciones expuestas en relación con la situación actual de los contratos [] no han sido originadas por los denunciados sino que se trata de situaciones heredadas de gobiernos anteriores, pues, muchas de las empresas ya prestaban con anterioridad al nombramiento del actual Alcalde y su equipo de gobierno sus servicios para el concello”. A fiscalía considera a continuación que o equipo de goberno tomou medidas para solucionar os problemas.

O curioso e que a propia Fiscalía recoñece no seguinte parágrafo que as medidas se tomaron no período 2011 – 2014, co que recoñece que en 8 anos o equipo de goberno non foi capaz de solucionar en 8 anos ningunha das situacións “Ante dichas irregularidades es preciso ponderar si se han llevado a cabo o no, actuaciones tendentes a su correción, y en este sentido no puede obviarse que se han adoptado medidas y tomado decisiones a tal fin. Así consta unidas a las presentes diligencias diversa documentación acreditativa de tales extremos (providencias emanadas por el alcalde, borradores de pliegos de contratación, etc)”.

O resto da resolución da por boas as explicacións recollidas do propio alcalde e dadas tamén no pleno. A falta de persoal e o feito de que a secretaria traballe na elaboración doutros pregos fixo imposible a elaboración de estes; ao mesmo tempo os cambios na lexislación afondaron en ese retraso.

Unha práctica común

O exemplo do contrato de recollida de residuos sólidos urbanos pode aplicarse a outros con distintos matices. Ao mesmo tempo a xestión laboral levou a denuncias de empregados, que se perderon, e os converteron en persoal do concello. Ao mesmo tempo a negociación da RPT, a Relación de Postos de Traballo, cuxa negociación parecía avanzar está completamente parada según puido saber Lindeiros.

Padrón segue á marxe de todo xa que estes mesmos problemas de persoal, de dificultades na confección de pregos ou de cambios na lexislación son os mesmos que sofren tódolos concellos da bisbarra, algúns máis pequenos que a vila do Sar. Concellos que ao longo de estes anos foron capaces de licitar servizos e buscar solucións a situacións similares a da Capital do Sar.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial