Padrón acollerá en marzo as IV Xornadas da Lamprea

0

Padrón, 12 de febreiro do 2018 – Do 2 ao 11 de marzo terán lugar as cuartas xornadas da Lamprea de Padrón, nas que xa traballa a concellería de cultura.

As xornadas da Lamprea inclúen varias actividades culinarias e de lecer e en elas participarán 9 restaurantes que ofrecerán distintos menús do 2 ao 11 de marzo.

Os chamados “menús lampreeiros” terán un custo de 25 euros por persoa e poderanse degustar no Secreto, Scala, Chef Rivera, Casa Farrucán, O Alpendre, Bar Cafetería H2O, A Casa dos Martínez, Flavia e Gaia “A Casa da Corredoira”. Entre todos eles poderanse degustar ata unha quincena de maneiras diferentes de cociñar a lamprea: á bordelesa, fideuá de lamprea, croquetas de lamprea, empanada de lamprea, lamprea “como lle gustaba ao cura de Rois”, carpaccio de lamprea, etc.

Actividades desde o 2 de marzo

Ademais das accións divulgativas nos centros educativos, desde o venres 2 de marzo desenvolveranse outras actividades culinarias e turísticas. O propio 2 de marzo está prevista na Biblioteca Municipal unha xincana xornalística da lamprea orientada a todos os membros da familia. Para asistir é preciso inscribirse previamente, de forma totalmente gratuíta, antes do día 28 de febreiro, ben na propia biblioteca ou ben chamando ao teléfono 981 810 761.

O sábado 3 de marzo celebrarase un obradoiro de cociña da lamprea con Rocío Garrido, que terá lugar a partires das 17.00 horas no edificio de Servizos Sociais, a carón da igrexa de Santiago. Esta actividade é de balde, pero require inscrición previa ou na Oficina de Turismo ou enviando un correo electrónico ao enderezo turismo@padron.gal.

Xa o domingo 4 de marzo está programada a andaina “Pedronía-Camiño sagrado” desde Santiago ata Padrón, que está organizada en colaboración con Galicia es+ e que inclúe un guía acompañante, unha visita ao Pedrón e viacrucis cara ao Santiaguiño do Monte. Esta actividade é de balde para as persoas que se apunten antes do 24 de febreiro (676 814 674 ou reservas1@galiciaesmas.com).

Concurso de empanadas de lamprea

Outra das actividades previstas é un concurso de empanadas de lamprea, que se celebrará o 9 de marzo ás 20.00 horas, pero que pechará o prazo de inscrición o día 1 de marzo. Os participantes poderán optar a un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 100 euros. As bases do concurso pódense consultar na Oficina de Turismo.

O sábado 10 de marzo tamén está programada unha ruta da lamprea en Padrón, que inclúe a visita ao convento franciscano de Herbón e ás pesqueiras de lamprea dos arredores, no río Ulla. Esta actividade é gratuíta, agás para os participantes que queiran participar nunha degustación de lamprea, que terán que pagar 10 euros por persoa. As reservas deberanse realizar na Oficina de Turismo de Padrón, en turismo@padron.gal e no teléfono 646 593 319.

Por último, as dúas fins de semana nas que se ofrecen os menús lampreeiros, a operadora Galicia es+ oferta un paquete de “escapadas en Padrón” que, desde 28 euros por persoa, inclúe as actividades de balde da programación e o aloxamento nun hotel de tres estrelas. As reservas destas escapadas poden efectuarse no teléfono 676 814 674 ou a través do correo electrónico reservas1@galiciaesmas.com.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies