Presentado en Compostela Os papeis do vello mariñeiro, obra póstuma de Xosé Neira Vilas

0

Compostela, 7 de xullo do 2017 – Onte foi presentado en Santiago Os papeis do vello mariñeiro, obra póstuma de Xosé Neira Vilas que recolle 60 narracións curtas vinculadas coas viaxes dos mariñeiros.

O acto contou coa participación do editor, Antonio Couto, do presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luís Reimóndez e do Secretario Xeral de Política Lingüistica Valentín García que, como dixo Reimondez, foi durante moito tempo a man dereita de Neira Vilas na Fundación que leva o seu nome.

O editor Antonio Couto destacou o traballo de Alberto Fernández no deseño que se asemella a un libro de bitácora habitual en calquera navío e agradeceu a fortuna de poder ter editado seis volumes do autor. Luís Reimóndez destacou o prolífico de Vilas xa que a obra presentada fai a número 74 da súa produción. Valentín García pola súa banda encheu a presentación de anécdotas sobre Neira Vilas e destacou a paixón que lle unía coa mar e a presenza nos seus libros como ponte entre a terra e a emigración.

Os papeis do vello mariñeiro

Neira Vilas ofrece, a través de entretidos contos e do personaxe do vello mariñeiro, unha clarificadora visión dun mundo moi descoñecido: o dos mariñeiros que pasan longas tempadas en alta mar percorrendo lugares do máis diverso e coñecendo países, xentes e culturas ben diferentes á propia. Experiencias que conforman unha forma de ser moi particular e que o autor transcribe nestes “papeis” póstumos para que poidamos coñecer mellor o vello mariñeiro galego e as súas peripecias polo mundo adiante nun tempo non moi afastado pero ben diferente ao actual.

A publicación intégrana máis de 60 relatos acompañados de cadansúa ilustración de Alberto Fernández, autor tamén da imaxe da capa. Trátase do sexto título do autor editado por Bolanda, tras “Xosé Neira Vilas: Memoria Gráfica” (2013), “Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade” (2014), “Semente Galega en América” (2015), “Contos vellos para rapaces novos” e “Quique na aldea” (2016).

Xosé Neira Vilas

Xosé Neira Vilas (1928-2015) foi membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana e fillo predilecto do Concello de Vila de Cruces. Entroutros galardóns recibiu a Medalla Castelao, o Premio Laxeiro, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba, o Premio da Crítica Española (novela en galego) e o da Crítica Galega (ensaio). O Premio Otero Pedrayo 2013 recoñeceu de maneira unánime a súa contribución á cultura galega e recibiu, da man da Xunta de Galicia e do Goberno galego, o Premio da Cultura Galega das Letras 2014 e a Medalla de Ouro de Galicia 2015.

Logo de residir e levar a cabo un importante labor cultural e lingüístico en América durante 43 anos, regresou a Galicia en 1992 para vivir na súa casa natal de Gres, onde instituíu canda á súa dona, Anisia Miranda, a fundación que leva o seu nome e desde a que el mesmo lle deu continuidade ao activismo cultural que iniciou na emigración. Tras o seu pasamento, o pasado mes de novembro, esta fundación é hoxe a depositaria da súa obra e a continuadora do seu legado.

Foi en vida e segue sendo, sen dúbida, un dos escritores clásicos da literatura galega, na que destacou como autor inaugural da literatura infantil e xuvenil coa obra ‘Memorias dun neno labrego’ (a novela galega que contabiliza máis reedicións e traducións ata os nosos días). Deu ao prelo máis de 60 obras e exerceu de infatigable colaborador de prensa, así como de impulsor e colaborador asiduo de múltiples actividades de interese para lingua e para a cultura galegas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial