Paran as obras da igrexa de Marrozos para protexer as aves

0

Compostela, 16 de xullo do 2019 – O habitual é parar unhas obras polo tempo, por atopar xacementos arqueolóxicos ou para facer cambios pero as aves que viven no tellado da igrexa de Marrozos tamén teñen que ser protexidas.

O Consorcio de Santiago está a intervir na igrexa de Santa María de Marrozos, situada na parroquia do mesmo nome. As obras, que se centran nas cubertas e nas fachadas do inmoble, tiveron que pararse durante dúas semanas debido á presenza de especies protexidas que aniñan no seu tellado, co propósito de non afectar o seu ciclo natural.

Igrexa de MarrozosA arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto é Idoia Camiruaga. Explica que “paramos as obras para consentir a cría de cirrios, gorrións, morcegos e rabirrubios e imos realizar a obra de xeito que poidan volver aniñar en anos vindeiros. Tamén temos intención de modificar o aleiro para ver se aniñan máis cirrios”. Ademais, salienta que “cómpre ter en conta que o Consorcio de Santiago inclúe na consideración de patrimonio ao territorio compostelán. A rede territorial é a base da evolución, do valor e actual vitalidade da Cidade Histórica”.

nido de aves na Igrexa de MarrozosUnha vez detectadas estas especies protexidas de aves e quirópteros, o Consorcio solicitoulle a SEO/BirdLife a realización dun informe sobre a incidencia das obras nas mesmas, xunto a unha proposta de actuación para protexelas. Desde esta organización sinalan que “nos nosos monumentos e cascos históricos albergan importantes comunidades de aves beneficiosas e protexidas pola lexislación. Elixen preferentemente as construcións máis antigas, xa que nelas encontran máis ocos ou saíntes para instalar os seus niños ou refuxios. Temos a obriga de protexer tamén estes ecosistemas”.

Na igrexa detectouse a presenza de cirrios, rabirrubios e morcegos

Dende SEO/BirdLife destacan que “unha elevada diversidade de animais nun territorio está en correlación cun ambiente san e sustentable”. No caso da igrexa de Marrozos detectouse a presenza de cirrio común, rabirrubio, morcego de ferradura pequeno e morcego anano; todos eles incluídos na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. No caso dos morcegos, indican que “un só morcego pode comer máis de 3.000 insectos ao ano, unha colonia de cincuenta morcegos pode devorar nun verán uns 15 kg de insectos”.

unha das aves que aniñan na Igrexa de Marrozos“As restauracións non coidadosas que tapan os ocos dos niños e as técnicas de cerramento actuais dos edificios, que pechan todas as oquedades, diminuíron os lugares útiles para a nidificación. As obras pódense planificar de xeito que se respecte o ciclo vital dos animais, habilitando ocos que permitan a nidificación ou instalando caixas niño que compensen as perdas de niños existentes” -indican dende SEO/BirdLife-.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial