Paseos Literarios por Compostela que comezan da man de Esperanza Mariño

0

Compostela, 8 de setembro do 2017 – A Concellaría de Acción Cultural e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organizan un ciclo de Paseos Literarios por Compostela que procura outra ollada á historia e xeografía da cidade.

A escritora e investigadora compostelá Esperanza Mariño Davila, o autor e profesor de lingua e literatura santiagués Daniel Asorey, o novelista limiao Antón Riveiro Coello e a poeta viguesa Marta Dacosta idean e conducen as catro rutas literarias que o ciclo levará ás rúas de Compostela cada xoves entre o 14 de setembro e o 5 de outubro.

A participación nos paseos literarios é gratuíta, pero está a limitada a 50 prazas, polo que as persoas interesadas deben reservar a súa no correo comunicacion@auditoriodegalicia.org. Teñen de prazo até o día anterior a cada un dos percorridos. Os catro itinerarios previstos arrancarán ás 18:00 horas.

O ciclo ábrese o xoves 14 de setembro co Itinerario compostelán de Isaac Díaz Pardo, con Esperanza Mariño Davila. Partindo da casa natal da Tumbona, na rúa das Hortas, a escritora conducirá unha visita aos lugares clave na vida compostelá de Isaac Díaz Pardo, que conecta as épocas republicana e democrática (adolescencia xunto coa madurez e ancianidade), e salienta a súa importancia literaria.

A casa natal de Isaac Díaz Pardo, a rúa que leva o seu nome, o Colexio de Fonseca, a carballeira de Santa Susana e o Museo do Pobo Galego son só algúns dos lugares polos que pasará o percorrido. O prazo límite para reservar praza é o mércores 13 de setembro ás 14:00 horas.

O seguinte xoves, 21 de setembro, vez para Daniel Asorey e o seu itinerario Compostela en Nordeste. Con saída da Cruz de San Pedro, o autor santiagués guiará as persoas asistentes pola Compostela da novela que lle valeu o premio de Narrativa Breve Repsol 2016. Da súa man, coñecerán a capital da República das Santas Irmandades da Galiza e a figura de Carme de Candingas, vedora maior da mesma.

A ruta partirá da Cruz de San Pedro e percorrerá os lugares polos que transita a novela, até concluír no Palacio da Xunta Xeral, actual sede do Concello. Dende as súas xanelas, as persoas visitantes poderán albiscar o lugar exacto onde Nordeste remata. As reservas, ata as 14:00 horas do mércores 20 de setembro.

Antón Riveiro Coello é o protagonista do seguinte percorrido, titulado Os elefantes en Compostela e previsto para o xoves 28 de setembro. Ten como punto de partida a carballeira de San Lourenzo e levará os/as participantes por diversos espazos que son o pano de fondo da novela Os elefantes de Sokurov, de Antón Riveiro Coello.

Nunha orde inversa á liña argumental do texto, o autor guiará as persoas inscritas por unha ruta que parte do barrio de San Lourenzo, pasa polo Pombal e chega á praza de Cervantes, onde comeza a historia duns personaxes que nos van amosando a súa visión entusiasmada e sensorial dunha cidade múltiple que transcende, que amorea os séculos na pedra e a converten nun museo aberto. A inscrición remata o mércores 27 de setembro ás 14:00 horas.

O ciclo finalizará o xoves 5 de outubro con Compostela en Crear o mar en Compostela, con Marta Dacosta, un percorrido que sairá da praza de Mazarelos, diante da antiga Facultade de Filoloxía. Compostela é ese lugar en que fomos recalando. Os seus espazos son testemuña do agromar de proxectos e xeracións. A historia da poesía galega pasa sempre por esta cidade que foi o crisol no que se fundiron as voces que chegaban dos diferentes puntos cardinais.

A través das súas rúas, faremos memoria das xeracións poéticas que a cidade viu nacer, nomeadamente da promoción dos 90. Tras a saída de Mazarelos, o itinerario percorre lugares como a rúa do Castro, o Preguntoiro, Entremuros, a rúa Nova e a estatua de Rosalía na Alameda. Este itinerario pode reservarse ata as 14:00 horas do mércores 4 de outubro.

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial