Paso adiante en Compostela para a municipalización da ORA e o guindastre

0

Compostela, 19 de maio do 2017 –  O Pleno da Corporación aprobou onte de xeito inicial á asunción, por parte da sociedade municipal Tussa, da xestión directa da ORA e do guindastre.

A proposta do grupo de Goberno sobre a ORA e o guindastre contou co respaldo do BNG, mentres que o PSOE optou pola abstención e o PP votou en contra. O acordo aprobado será sometido a exposición pública polo prazo dun mes. Ademais, establece que non se adoptará ningunha decisión definitiva sobre a xestión directa do servizo ata que se resolva o procedemento xudicial que lle afecta.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, foi o encargado de defender a proposta do Goberno ,”que chega despois de moitos meses de traballo e de elaboración de informes xurídicos, técnicos e económicos que acreditan que Tussa pode prestar directamente o servizo”.

Pola súa parte, o alcalde recoñeceu que estamos “diante dun proceso que non está exento de ameazas”. Martiño Noriega referiuse en concreto a tres: o recurso que a empresa Doal ten presentado reclamando que lle sexa adxudicado o contrato da ORA anulado xudicialmente a Setex; as disposicións adicionais dos Orzamentos Xerais do Estado que cuestionan os procesos de municipalización, e o proceso de liquidación coa empresa Setex. O rexedor insistiu en que o acordo de hoxe non supón “a adopción de ningunha decisión que sexa irreversible”, e salientou que “ante a presenza de informes contraditorios, o Goberno aposta por aqueles que defenden mellor o interese público”.

Despois da aprobación inicial, o acordo para que Tussa xestione directamente os servizos da ORA e do guindastre será sometido a un período de exposición pública dun mes. Tanto o BNG como o PSOE anunciaron que presentarán alegacións, por entender que a memoria técnica aprobada está incompleta e non resolve algunhas dúbidas sobre a prestación do servizo a través da sociedade municipal.

Outros asuntos

O Pleno deu luz verde tamén por unanimidade a unha proposición do grupo popular relacionada co viveiro de Lamas de Abade. A proposta inclúe a redacción dun plan de ordenación de usos da finca de Lamas de Abade usada como viveiro e almacén municipal co fin de poñela en valor e abrila ao uso público. O acordo inclúe tamén a elaboración dun plan de rehabilitación con investimento conxunto do Consorcio, Deputación e Xunta de Galicia.

Finalmente, a Corporación aprobou por unanimidade a adopción das medidas contractuais, organizativas e orzamentarias necesarias para intentar reducir a lista de agarda existente no servizo de axuda no fogar e a incorporación de novos usuarios.

Intervencións no Pleno

O Pleno de hoxe arrancou coa intervención de Laura Bugalho e Enrique Latorre, en relación á moción presentada por Compostela Aberta en apoio ás persoas con diversidade sexual e do rexeitamento da transfobia. Os dous expresaron o seu rexeitamento á presenza en Santiago do autobús de Hazte Oir, “porque se burla da situación e do sufrimento de todas as persoas LGTIB”.

Tamén interviu na sesión deste xoves Teresa Girón, en representación da ANPA do Centro de Educación Especial da Barcia. Fíxoo a raíz da moción de Compostela Aberta reclamando a apertura do CEGADI, o Centro Galego de Desenvolvemento Integral que a Xunta construíu en Salgueiriños. Teresa Girón lembrou que “os nenos e nenas que saen da Barcia non dispoñen doutro centro ao que ir cando rematan a súa escolarización, máis que iniciativas privadas ou con números moi limitados de prazas”.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies