O pavillón de Bertamiráns, en Ames, terá pronto novo firme

0

Ames, 31 de xaneiro do 2018 – Ames aprobou, en Xunta de goberno, a licitación da instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón de Bertamiráns.

O investimento no pavillón de Bertamiráns ascende a 81.831 euros. Os traballos teñen como finalidade a colocación dun novo pavimento de madeira axeitado para a alta competición en deportes como o baloncesto, fútbol sala, balonmán, voleibol e patinaxe.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, explica que “durante máis de ano e medio estivemos agardando para poder licitar este proxecto. Unha vez a Deputación da Coruña, no pasado mes de decembro, lle deu o visto bo e temos os pregos preparados, podemos iniciar o expediente de licitación”.

Miñones engade que “cando chegamos ao goberno os clubs trasladáronnos a necesidade de mellorar o pavimento desta instalación, algo xa comprometido na etapa anterior pero que quedara sen facer. O primeiro que fixemos foi encargar o proxecto e incluímolo no primeiro plan de obras que aprobamos no ano 2015. Agora chega o proceso de licitación e esperemos contar co novo pavimento para o verán”.

Esta obra complementa a adxudicada no pasado mes de novembro e que implica a construción dun novo ximnasio e dunha pista de squash cuberta no pavillón de Bertamiráns. Esta obra foi adxudicada por un importe de 97.795,32 euros (IVE incluído). A pista de squash que se construirá será a primeira pista municipal onde se poderá practicar esta modalidade deportiva. Coa construción desta instalación preténdese promocionar este deporte dentro da área de influencia de Bertamiráns, despois do acordo adoptado coa Federación Galega de Squash. Asemade, esta pista vaise aproveitar nun futuro próximo para incorporar o squash nas escolas deportivas municipais.

Por outra banda, o ximnasio permitirá o desenvolvemento de numerosas actividades como aerozumba, ximnasia, ballet, predeporte e pilates, podendo incrementar o número de usuarios e usuarias nestas modalidades deportivas. Ademais, estudarase a posibilidade de adquirir o equipamento necesario para incorporar a actividade de spinning en Bertamiráns, moi demandada pola veciñanza. A nova pista de squash e o novo ximnasio estanse construíndo de forma anexa ao actual pavillón municipal.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies