Pedra Longa, o misterio segue en Tordoia

0

Tordoia é un dos concellos megalíticos de Galicia e que atesoura abundantes rastros da cultura castrexa. Castros como o de Leobalde ou Oleiros ou o Dolmen de Cabaleiros, declarado Monumentos Histórico Artístico xa en 1975, son boa mostra do que dicimos. Máis ao carón de todo iso segue xerando misterio a Pedra Longa.

Unha estrada estreita e empinada achéganos á Pedra Longa. Un lugar no que destaca unha enorme formación de granito con forma de menhir. Rodeada de lendas, xa a finais do século XIX, e nos primeiros anos do XX, a veciñanza consideraba o lugar sagrado e moitos pensaban que a pedra fora posta alí pola Virxe.

Pedra Longa, o misterio segue en TordoiaUnha das historias máis próximas no tempo non fai máis que aumentar ese misterio. Na década dos cincuenta do pasado século a alguén se lle ocorreu que era un bo lugar para facer un concurso de escalada. Unha pedra lisa con 13 metros de altura non é un reto doado máis dous parroquianos conseguiron chegar ao cumio. Preguntados polo que atoparon recoñeceron que viran inscricións pero que non foron quen de entendelas ou dilucidar si eran números ou sinais. A pregunta sobre esas inscricións ficaba máis forte aínda.

Colectivo A Rula

Pedra Longa, o misterio segue en TordoiaA Asociación Cultural A Rula é un grupo de persoas, da bisbarra de Compostela, amantes do arte rupestre. Non só visitan os espazos se non que indagan na historia dos lugares.

No pasado mes de agosto achegábanse a Pedra Longa intentando unha vez máis tirar información do conxunto. Son eles os que nos descobren que alá polo 1890 o notario de Ordes Florencio Pol organizou unha excursión a cabalo na que participaron máis de 50 persoas. Algúns conseguiron subir ao alto da Pedra pero, como lle sucedería sesenta anos despois a outros atrevidos, non conseguiron entender as inscricións.

Pedra Longa, o misterio segue en TordoiaA Rula conta que usaron un dron para recoller imaxes da superficie superior a partir das que investigar. Unha vez máis o misterio terá que permanecer xa que “As imaxes resultantes non foron nada concluíntes. A superficie da cima está tapada en boa parte por liques, musgos e folla seca, o que nos impediu unha boa visualización”.

E agora?

Pedra Longa, o misterio segue en TordoiaNon hai moito o concello realizou unha polémica tala de árbores que despexou o lugar. O alcalde, Antonio Pereiro, nunha entrevista que os lectores de Lindeiros poderán escoitar o próximo luns explica que as razóns principais foron dúas; pro unha banda protexer o propio conxunto pétreo e por outra facilitar os traballos de investigación.

Queda moito por facer xa que na contorna atopáronse outros vestixios aínda por concretar e delimitar. O xa mencionado colectivo a Rula puxo en coñecemento de Patrimonio que atoparon restos, que poderían ser megalíticos, a 300 metros de Pedra Longa. O organismo autonómico terá agora que valorar esa información.

O certo é que a formación e a contorna abraia ao visitante. Polo seu tamaño en boa parte pero tamén polo lugar no que se atopa. Un cumio afastado e luminoso que cando chega o solpor comeza a inquietar aos sentidos máis sensibles.

Pedra Longa, o misterio segue en Tordoia

Imaxe de arquivo do 2015

Unha boa excursión dun día para un tempo de viaxes de proximidade. Viaxes que en Lindeiros seguiremos suxerindo e para os que aceptamos as vosas recomendacións que podedes enviar a redaccion@lindeiros.com ou mandando unha mensaxe ao 604074957.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial