Pere Tobaruela presenta na Casa Museo Rosalía de Castro Auga e Lume

0

Padrón, 28 de febreiro do 2019 – Pere Tobaruela presenta na Casa Museo Rosalía de Castro, este venres as sete da tarde,  Auga e Lume, editado por Baia Edicións.

Na presentación de Auga e Lume Tobaruela estará acompañado polo profesor, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e pola directora editorial de Baía Edicións, Belén López Vázquez, que se encargarán de faceren un achegamento crítico á obra.

No acto haberá unha actuación musical de Ona Tobaruela e o autor asinará exemplares da obra, actividade para a que se conta coa colaboración da Libraría Pensamentos.

O autor

Pere Tobaruela (Barcelona 1965) vive actualmente en Rois. Alterna a escrita en catalán, galego e castelán. Iniciouse neste ámbito con colaboracións para xornais e revistas catalás. O seu paso ao mundo do libro produciuse a partir dunha selección de entrevistas publicadas na prestixiosa Revista de Catalunya. Este foi o primeiro dos máis de cincuenta títulos que viron a luz ata a actualidade nalgunhas das editoriais máis importantes de Cataluña, Galicia e o resto do Estado. Centrou a súa carreira literaria na novela infantil e xuvenil, aínda que tamén escribiu ficción para o público adulto e transitou por outros xéneros: libro ilustrado, banda deseñada, ensaio, biografía, conto e entrevistas. En Baía Edicións ten editado Catro pedras vellas e En branco e negro.

A obra

Gañadora ex aequo do VIII Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil (2018). Segundo o tribunal, en Auga e Lume destaca a axilidade da trama e a súa vinculación coa historia de Galiza e a habelencia na mestura entre novela de aventuras, de misterio e de amor.  O protagonista debe viaxar no tempo para resolver un enigma que se mantivo agochado durante séculos e que chegou intacto aos nosos días.

Deva, moza da época galaicorromana, e Paulo, do século XXI, son os protagonistas da loita desesperada contra unha profecía que ameaza con acabar coa humanidade. Fálase dun pergamiño de primeiros do século IV, cando as terras galegas formaban parte da provincia romana da Gallaecia. Este pergamiño facía referencia a uns feitos que daquela supostamente cambiaron o curso da historia do mundo… 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial