O Pino e Arzúa organizan a media maratón O Gran Camiño

0

O Pino, 16 de xuño do 2017 –  Os Concellos do Pino e de Arzúa organizan o vindeiro 9 de xullo a media maratón O Gran Camiño, que percorrerá 21 km entre Arzúa e Arca (O Pino) do Camiño de Santiago.

O Gran Camiño foi presentada onte xoves e conta coa supervisión técnica da Federación Galega de Atletismo e co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, El Corte Inglés, Abanca, Gonzacar e Clínica de Fisioterapia LR.

Para participar nesta media maratón os atletas deberán ter máis de 18 anos e inscribirse na web www.emesports.es antes do 6 de xullo ás 14.00 horas. Segundo explicou na presentación o director técnico, Iván Sanmartín, esta media maratón transcorrerá integramente polo Camiño de Santiago, polo que “os corredores mesturaranse cos peregrinos” nunha distancia aproximada de 21.097,50 metros. “Trátase dunha proba non homologada, que vén a ser a continuación das tres edicións anteriores que se celebraron entre O Pino e Santiago”, engadiu Sanmartín.

O presidente da Federación Galega de Ciclismo (FGA), Isidoro Hornillos, sinalou que “O Gran Camiño forma xa parte das preto de 200 probas que supervisa e controla a federación en toda Galicia cada tempada”. Hornillos animou aos atletas a participar. “Eu fixen varias veces este tramo, e vale a pena”, engadiu.

O rexedor arzuán, José Luís García, destacou a importancia de que os “concellos limítrofes colaboremos en iniciativas deste tipo, como xa fixemos recentemente co Ralli Terra da Auga”. Esta é a primeira vez que Arzúa coorganiza esta carreira, “que ten o valor engadido de que transcorre polo Camiño de Santiago”.

Entre outros motivos, o cambio de percorrido veu motivado porque “os corredores queixábanse de que no concello de Santiago gran parte dos tramos eran sobre asfalto. Este ano, O Gran Camiño transcorrerá case todo el sobre terra, e mantemos a distancia”, afirmou Taboada, que destacou que o espírito desta carreira é que os atletas poidan compartir experiencias cos peregrinos.

Os atletas que se inscriban para participar na media maratón O Gran Camiño, deberán recoller os seus dorsais en El Corte Inglés de Santiago o venres 7 de xullo (de 16.00 a 22.00 horas) e o sábado, día 8 (de 10.00 a 22.0 horas).

A secretaria xeral para o Deporte da Xunta e ex atleta profesional Marta Míguez Telle subliñou que con esta proba contribúese a promocionar as paraxes naturais que ten a Galicia interior, e “supón unha forma de gozar das localidades a través do deporte e dar a coñecer a nosa cultura e o noso patrimonio”

Na media maratón O Gran Camiño poderán participar atletas dende a categoría junior (18 anos) ata os veteranos de máis de 60. Poden inscribirse xa na web de www.emesports.es pagando unha inscrición de 12 euros (se o fan ata o 20 de xuño), de 15 euros para que se inscriba entre o 21 e o 30 de xuño, e de 18€, para quen se anote en xullo (ata o día 6 ás 14.00 horas).

O organización establece premios en metálico de entre 300 e 50 euros para os seis primeiros clasificados da xeral, e de 300 a 75 para os catro primeiros clubs. Ademais, os tres primeiros, tanto da xeral como de cada categoría, recibirán un trofeo conmemorativo.

A saída darase ás 10.00 horas en Arzúa e a meta estará ubicada no lugar de Lameiro, a carón da piscina municipal de Arca (O Pino). Neste punto están ubicados os vestiarios e as duchas para todos os participantes. Ademais, a organización estableceu un sistema de transporte, mediante autobuses cada 15 minutos, que trasladarán aos participantes dende a liña de meta ata o punto de saída entre ás 08.30 e as 09.30 horas.

Ademais de no punto de meta, haberá tres puntos de avituallamento para os corredores, que estarán ubicados nos quilómetros 5, 10 e 15 do percorrido.

Máis información e inscrición en www.emesports.es e www.carreirasgalegas.com

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial